É urxente indultar aos presos políticos

Como avogado sei moi ben que o indulto para as nove persoas, presas políticas, soberanistas catalás non é ningunha solución en Dereito, pois que o indulto non extingue a responsabilidade criminal nin pode suprimir as penas de inhabilitación para cargos e funcións públicas (agás acordo, hoxendía impensábel, do Tribunal Supremo que condenou inxustamente estas persoas) nin as indemnizacións por responsabilidade civil. O indulto supón agardar a graza do Goberno do estado. Velaí porque considere lóxico que non o pidan nin as persoas condenadas nin as organizacións políticas e sociais ás que pertencen.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 06/09/2020

Comparte esta noticia

Porén, vai para tres anos que estas persoas cumpren condenas (entre 9 e 13 anos de cárcere) inxustas e desaqueladas, mentres Urdangarín saiu por menos de seis anos e o Emérito vive na impunidade nos Emiratos Árabes Unidos. O Tribunal Superior do Land alemán  de Schleswig-Hollstein amosou a incompatibilidade do tipo penal da sedición (polo que foron condenados os patriotas cataláns) co Dereito Penal da Europa democrática e o xuiz competente de Bruxelas rexeitou a euroorde que reclamaba a extradición do conceller Lluis Puig por ser incompetente o Tribumnal Supremo español para pedila. Porque non haberíamos esquecer que o Tribunal ordinario predeterminado pola lei para os presos políticos cataláns era o Tribunal Superior de Catalunya, que emitiría una sentenza recorríbel  perante o Tribunal Supremo español. A atribución a éste da competencia para xulgalos vulnerou o seu dereito a unha segunda instancia xudicial, en aberta contradición coa Convención Europea de Dereitos Fundamentas.

Sentenza do xuízo do Procés cos líderes independentistas de Cataluña xulgados
Sentenza do xuízo do Procés cos líderes independentistas de Cataluña xulgados | Fonte: EP

Para máis, o Tribunal Supremo, como Tribunal emitente da sentenza, ten revogado o réxime penitencial dos presos polítcos, quer en segundo grao ao abeiro do artigo 100.2 do Regulamento Penitencial, quer no terceiro grao. Deste xeito o Tribunal Supremo ten desartellado o réxime competencial e de recursos en prexuizo das Xuntas de Tratamento das Administracións penitenciais, dos Xulgados de Vixiancia Penitenciaria e das Audiencias, nunha nidia manifestación de recentralización competencial e inxusto agravamento das condicións de vida dos presos políticos que axiña se vai extender á meirande parte das persoas presas, agás para aqueles que o Deep State sinale como dos seus.

Velaí que sexa preciso esixir do Goberno do Estado e dos dous partidos da esquerda estatal que o alicerzan un indulto urxente que poña na rúa ás nove persoas presas políticas inxustamente retidas nos cárceres cataláns, sen prexuizo de que estas persoas, as sdúas familias e amizades, as súas organizacións políticas e sociais, a cidadanía catalá e as xentes de ben do resto do Estado e da Europa democrática sigan a pular até a derradeira instancia xudicial polo nidio recoñecemento da súa inocencia.

Se o Goberno do Estado adia ou rexeita esta decisión, PSOE e UP amosarán ser máis do mesmo: pertencer á lóxica represiva do Deep State, pertencer ao perímetro do problema e non da solución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.