Aprender ferramentas para convivir co lobo

A asesoría Beealia quere ofrecer consellos e ferramentas que permitan ao sector gandeiro poder convivir co lobo e evitar os ataques destes cánidos ás cabezas de gando.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/09/2020 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

Beealia ten previsto realizar desde o 28 de setembro ata o 19 de novembro unha serie de encontros en diferentes concellos sobre as posibilidades de defensa e prevención contra ataques de lobos. Joan Alibés, membro de Beealia explica que existen tres ferramentas para evitar o ataques ao gando que son “o coñecemento sobre o lobo, o manexo do gando e os mastíns ou cans de garda”.

Lobo - Arquivo
Lobo - Arquivo

Joan Alibés quere deixar claro que estas ferramentas deben aplicarse “segundo a contorna onde se traballe, porque non é o mesmo ter 500 ovellas no macizo ourensán que en áreas de prados”. Por tanto, cada lugar precisa de introducir as contencións ou medidas que conveñan mellor ás necesidades da comarca.

“Podemos facer peches arredor do gando, ou manexar ese gando facendo que os seus partos se dean nunha determinada época do ano” sinala Alibés, mais isto “ten un custo porque non podes vender durante todo o ano, e iso non hai moita xente que queira facelo”.

O coñecemento do lobo, do seu comportamento permite ter idea de como previr os seus movementos, evitar deixar o gando sen garda e doadamente atacable. Por outra parte, para isto están os cans lobeiros, neste caso os mastíns. “O can non debe ser un elemento da casa, cando se entrega un can, un mastín, o que tes é un animal máis, unha ovella ou unha vaca máis” di Alibés. “Se se lle dá agarimos ao can pastor, non fará o seu traballo”.

Sobre as batidas de caza contra a especie salvaxe, Alibés cre que “non se fai nada, realmente habería que matar decenas deses animais para que non houbese problemas e iso, hoxe en día a sociedade non o admite”. É por iso que este gandeiro de Meira considera necesario non entrar en debates que non levan a ningunha parte e entrar en procesos de prevención.

Estes procesos deben ser sustentables e rendibles para os e as gandeiras, que non supoña un investimento fóra do seu alcance ou supoña perdas para a explotación. De aí que se vexa necesario “convivir” co lobo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta