AGE e BNG viven no mesmo país?

A altura de miras é imprescindible para atender a chamada social a que se produza un cambio de Goberno en Galiza

Por Horacio Vixande | Vigo | 31/03/2013

Comparte esta noticia

 

O resultado das últimas eleccións autonómicas, sumados os votos de AGE e BNG, practicamente calca a correlación de forzas que levou ao BNG a colocarse como segundo partido do Parlamento en 1997, cando daba o sorpasso aos socialistas. Destas, non se repetiu o mesmo resultado porque AGE e BNG concorreron por separado, aínda que en conxunto superaron en porcentaxe ao PSdeG-PSOE no número de votos recibidos. Outra diferenza con aqueles tempos é que o BNG era unha forza en ascenso que catro anos antes conseguira 13 escanos.

Hai un ano, a BNG sufriu unha excisión que foxe da lóxica política. Cando por primeira vez existía no ámbito desa organización un equilibro entre o partido que a dirixiu durante anos, a UPG, e unha amalgama –todo hai que dicilo– de sensibilidades, unha parte dos que lograran compensar os poderes dentro do Bloque decidiron marchar en lugar de agardar a consolidar a súa posición e, posteriormente, a alcanzar a maioría.

Lóxica política

Mais resulta que ás veces a lóxica política e a lóxica social son diverxentes. Como nos últimos tempos veñen de pór de manifesto as reflexións internas do BNG, ultimamente xa non se percibía o Bloque como unha forza transformadora e a sociedade demandaba unha organización política á que lle dar a encarga de se constituír como forza de vangarda. Nas eleccións autonómicas decidiu outorgarlle ese papel a AGE. Inxusto ou non, ese contrato representa unha beizón para o país, porque non hai nada peor que unha sociedade que renuncie a contar con referentes políticos.

AGE non é unha organización perfecta. No seu seo participa Esquerda Unida, un partido que nas últimas eleccións municipais presentou candidatura en 24 dos 315 concellos de Galiza. Que na maioría do territorio saiban de EU pola televisión é un insulto para a cidadanía deste país. Que despois IU presente candidatos ao Congreso dos Deputados en Madrid nas catro circunscricións galegas para poder facer demagoxia coa canción da proporcionalidade do sistema electoral empregando os votos de despistados e potenciais –mais ignorados– militantes galegos, ten un algo de colonial. Mais cando se constituíu AGE sumáronse as forzas que estaban dispostas a participar nesa alternativa que a sociedade demandaba –e xa sabemos que deixaron a algúns fóra a mantenta.

O papel do BNG

Agora o Bloque trata de recuperar a iniciativa e reconciliarse coa sociedade galega. Tarde piou, por moita razón que leve. A súa oferta para reunificar o nacionalismo soa oca porque todos sabemos que o suicidio político non entra nos plans de Anova. Que uns meses despois das eleccións Beiras comece unha liorta con EU é pensamento máxico e resultaría un disparate. Os de AGE están inmersos nun proceso de consolidación e expansión moi complexo. Esta nova etapa pode dar lugar a que agrome unha verdadeira alternativa de goberno con capacidade de rexer o país, mais van precisar de axuda. Aí é onde entra o BNG.

Nas próximas eleccións municipais de 2015, AGE precisa concorrer por todo o país para alcanzar uns resultados que permitan visualizar que é unha alternativa real, mais teno moi difícil porque carece de organización e militancia. Só un entendemento co BNG pode facilitar a presentación de candidaturas solventes nun número elevado de concellos e, se é así, a posibilidade de que mude radicalmente o mapa municipal é real. De aí a un Goberno de Galiza co PSdeG-PSOE como un socio menor, non hai moitos pasos.

Dubido moito que AGE admita un acordo electoral co BNG. Pediralle que se incorpore como un partido máis e se cadra formulará esixencias duras de aceptar. Nas mans do Bloque está elixir entre a súa dignidade como organización –se é que pensa que as organizacións son un fin en si mesmas– e as necesidades do país. Ou se traga o orgullo ou Galiza perde a oportunidade de encarar o seu futuro con garantías de éxito. Non hai outra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.