Arquivan a investigación municipal sobre o antigo edificio de Fenosa baixo críticas da oposición ao goberno coruñés

Marea Atlántica lamenta que o PSOE "non esclareza as responsabilidades do desastre urbanístico" do antigo edificio de Fenosa. "Solicitaremos o acceso ao expediente completo", avanzan.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2020 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña arquivou a investigación administrativa polas posibles responsabilidades derivadas en relación ás obras feitas no antigo edificio de Fenosa, o que supuxo indemnizacións a afrontar polas arcas municipais tras anularse a licenza concedida durante a etapa do exalcalde Francisco Vázquez.

Tras unha sentenza de derriba, o posterior acordo de mediación, logrado durante o goberno de Marea Atlántica, evitou a demolición das actuacións realizadas.

Agora, segundo explicaron fontes municipais, arquívase o expediente en relación ás posibles responsabilidades por parte dos arquitectos que figuraban no mesmo, dous técnicos municipais e outros dous alleos ao concello.

Estas mesmas fontes apuntaron tamén que "pouco antes" das eleccións municipais de 2019 "a todos os políticos" eximíuselles " de responsabilidade nun informe de Marea Atlántica", engadiron en referencia aos edís socialistas que figuraban no citado expediente por votar favorablemente no seu día á concesión da licenza.

"Arquívase xa que se entende que non houbo responsabilidade dos técnicos", engadiron sobre a decisión adoptada agora en relación ás posibles responsabilidades por parte dos arquitectos e tras admitirse as alegacións presentadas.

CRÍTICAS DE MAREA ATLÁNTICA E BNG

Nun comunicado, Marea Atlántica lamenta que o PSOE "non esclareza as responsabilidades do desastre urbanístico" do antigo edificio de Fenosa. "Solicitaremos o acceso ao expediente completo", avanzan.

"Investigar as responsabilidades é unha obrigación legal e formaba parte do acordo de mediación asinado polo goberno de Xulio Ferreiro, que lle aforrou máis de 50 millóns ao concello", engade.

"O expediente abriuse en febreiro, no actual mandato, e pechouse sen resultados o pasado mes de agosto, a pesar de que os informes preliminares elaborados no mandato anterior si apuntaban posibles responsabilidades", sostén.

Pola súa banda, o grupo municipal do BNG lamenta que unha actuación "manifestamente ilegal" e que "ocasionou un grave quebranto económico" ao concello, unha indemnización de 2,97 millóns de euros para o denunciante, ademais do recoñecemento de entre 9.000 e 12.000 euros por propietario, sáldese agora sen que se sinala a ningunha persoa como responsable".

"Esperamos que o carpetazo a este asunto non indique a intención do goberno local de retornar a unha política urbanística do pasado", afirma a concelleira Avia Veira.

"DESPREZO" Á CIDADANÍA

Mentres, a Comisión Aberta en Defensa do Común considera que o arquivo do proceso de investigación relacionado coa delimitación de responsabilidades pola construción do edificio "constitúe todo un desprezo ao conxunto da cidadanía coruñesa".

"Que, polo menos, esperaba coñecer todas as claves que están detrás de semellante escándalo urbanístico, así como os seus principais valedoiros, tanto desde a vertente estritamente política como técnica".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. CONCELLO DA CORUÑA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta