Galicia detecta 161 novos contaxios o luns, sen contar os cen do novo foco na DomusVi Lugo

Soben os casos activos nas áreas de Pontevedra e Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2020 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

Galicia detectou 161 novos positivos por coronavirus o luns, unha cifra que supón baixar da barreira dos 200 despois de sete días consecutivos de caída. Ademais, o total de casos activos descenderon en 13, ata os 4.230, de acordo cos datos feitos públicos este martes pola Consellería de Sanidade. Isto sen contar os datos actualizados a primeiras horas deste luns pola Consellería de Política Social que apunta a un contaxio masivo na DomusVi de Outeiro de Rei con case un cento de positivos.

O último parte, elaborado con información recollida a última hora do luns, recolle que se curaron da COVID-19 na Comunidade galega un total de 13.965 persoas, que son 173 máis que as que constaban un día antes.

Por áreas sanitarias, a da Coruña mantense como a que rexistra o maior número de casos activos, con 1.413 (11 menos). Tamén baixan as persoas que padecen a enfermidade nas áreas sanitarias de Lugo, que contabiliza 801 casos activos (15 menos) --sempre sen ter en conta o novo gromo da residencia de Outeiro de Rei--, e na de Santiago, con 662 (baixan en 26).

No lado contrario, o resto de áreas continúan á alza. A que máis sobe nos casos activos é Pontevedra, ata os 371 (+28); seguida de Ferrol, que contabiliza 170 infectados (+11); Ourense, con 467 (+8); e Vigo, con 346 casos (+2).

O número de mortos que deixa a pandemia en Galicia é de 663, un máis que as vítimas que figuraban na actualización anterior, tras notificarse este martes o falecemento dunha muller de 80 anos con patoloxías previas na residencia Orpea Coruña, en Culleredo (A Coruña).

Os datos facilitados este martes pola Xunta sinalan que ata o momento realizáronse un total de 369.998 probas PCR na Comunidade, 2.658 máis que no parte do luns.

Transeúntes pasean con máscaras pola Coruña no día 41 do estado de alarma pola crise sanitaria do Covid-19
Transeúntes pasean con máscaras pola Coruña no día 41 do estado de alarma pola crise sanitaria do Covid-19 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Hermione

Isto é porque aínda no contactaron con Harry Potter para conseguir entornos escolares superultramegaguay seguros. Sínto ironizar, pero é que xa se me esgotaron as bágoas.