Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/09/2020 | Actualizada ás 19:12
PSdeG e BNG arrincan a XI Lexislatura con vontade "construtiva" e de achegar "solucións" nun contexto marcado pola pandemia, así como con peticións ligadas coa situación sanitaria e outras perspectivas como a social, xa que ambas as formacións mostráronse partidarias de que na Cámara se active unha comisión que investigue o sucedido nas residencias de maiores, que sufriron con dureza o impacto da COVID.
Tras a sesión solemne de apertura da XI Lexislatura, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que traballará para que "máis que nunca o Parlamento se converta no centro da vida polícia, unha cámara na que a cidadanía se senta representada e lle achegue solucións aos problemas que atravesan as súas vidas".
"Este vai ser o empeño dos 19 deputados e deputadas do BNG, achegar solucións a miles de galegos preocupados polo seu emprego, por que non saben se poderán manter en pé o seu negocio, pola saúde ou polo inicio do curso escolar", remarcou, antes de esgrimir que, para iso, "hai que aspirar a moito máis que a relatos idílicos", en relación ao discurso pronunciado polo xefe do Lexislativo, Miguel Santalices.
E máis, criticou "presumir de autogoberno tras dez anos sen que o Executivo de Feijóo lograse nin unha soa competencia". "Galicia merécese moito máis", aseverou Pontón.
Tamén o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou a vontade "construtiva" dos socialistas ante este mandato, e engadiu que tamén combaterán "os recortes" da Xunta. Así mesmo, na mesma xornada na que se disparou o número de contaxios na residencia de Outeiro de Rei (Lugo), Caballero insistiu en que os socialistas están "moi preocupados" pola situación destes centros.
Neste sentido, aproveitou para pedir a Feijóo que "asuma a necesidade imperiosa" de abrir unha comisión de investigación sobre o que sucedeu nestes centros durante a primeira onda da COVID-19. "É unha débeda con Galicia deste Parlamento", dixo Caballero, para quen vetar a activación deste órgano sería "un erro".
PACTOS
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou o discurso de Santalices e a súa apelación ao acordo, antes de ratificar a necesidade de "pactos amplos en momentos difíciles" como os que determina a pandemia.
Finalmente, aludiu á "gran responsabilidade" que teñen os cargos públicos nunha lexislatura na que será clave que os servizos públicos sigan funcionando adecuadamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.