Temas: FRASEOLOXíA

“A pico pé”, locución sinónima, entre varias outras, de “á pata coxa”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 13/09/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para darmos a entender que alguén está apoiado sobre un só pé, e sobre todo naqueles casos en que encolle a outra perna e chouta ou chimpa sobre del, é moi probable que a expresións que esteamos máis afeitos a escoitar sexa a de que esa persoa está, ou anda, á pata coxa.

A pico e pala
A pico e pala | Fonte: FB

Pero, como imos ver, en galego dispomos doutras locucións que dan conta dese mesmo significado, malia estaren a perder cada vez máis presenza en favor da que cadra coa locución castelá:

A la pata coja

{= Apoiado –alguén– sobre un só pé. (Adóitase utilizar naqueles casos en que se encolle unha perna e se dan choutos sobre o outro pé, tanto se se avanza cara a diante coma se se mantén no mesmo sitio.)}

A pico pé && Ó pico pé

Á pata coxa

Ex.: A final de curso siempre organizan juegos para los niños, entre ellos el de la carrera a la pata coja.

Ó final de curso sempre organizan xogos para os cativos, entre eles o da carreira a pico pé ó pico pé á pata coxa.

● E tamén, como locucións non recolleitas cando menos de momento no DRAG:

A pipiricojo && A pie cojito && A (la) coxcojilla && A coxcox && A (la) coscojita

Á perna coxa && A pé manquiño && Á perna manquiña && A pé manco && Á pita coxa

● E inda incluso, igualmente non incluídas no DRAG:

A/Ó chinguilipé && A/Ó cuchipé && Á lanqueta

NOTAS:

1. Curiosamente, no DRAG recóllense tanto as locucións a/ó pico pé (=“Dando saltos sobre un pé”) coma á pata coxa (=“Cunha perna encollida e saltando sobre a outra”), mais sen nos ofrecer unha relación de sinonimia entre elas. Interpretamos que se trata dun lapso ou esquecemento.

2. A expresión a cuchipé tamén se rexistra coa variante a couchepé.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Otero Álvarez, Aníbal: Contribución al diccionario gallego. Galaxia, Vigo, 1967. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Xavi

Pola zona de Cedeira (A Coruña) dicimos "A chinquilinpé"

1 xoseant.pena

Ok. Obrigado pola achega. Supoño que se trata dunha variante da locución reflectida aquí como “ó chinguilipé” (da que persoalmente non tiña constancia na súa vertente oral, xa que está tirada da obra lexicográfica de Eladio Rodríguez) con realización da gheada mediante o son [k] logo da consoante nasal “n” (como acontece con “dominco” en pago de “domingho”).