Denuncian que o Sergas "incumpre" o protocolo do Goberno e "pon en risco" ós sanitarios de Ourense

CCOO asegura que a xerencia ourensana non pon en corentena ó sanitarios que entran en contacto con positivos. "Pode carrexar un grave problema de saúde pública", advirten.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2020 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Nova polémica a respecto dun presunto incumprimento dos protocolos sanitarios por parte das propias autoridades médicas. A Federación de Sanidade de CCOO denuncia que na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras estase "poñendo en risco" ó persoal médico "ao non lle mandar gardar corentena" logo de manter contacto con casos confirmados.

Sanitarios nunha imaxe de arquivo
Sanitarios nunha imaxe de arquivo | Fonte: EFE

A denuncia de CCOO chega logo da presenza dun positivo por covid-19 no hospital de Verín, confirmado dende o pasado día 4. Segundo explica o sindicato, a persoa en cuestión "padece unha deterioración cognitiva que fai imposible que manteña posta a máscara todo o tempo".

O conflito xorde porque, sempre segundo a versión da formación, "o persoal sanitario que estivo en contacto con el na súa unidade de hospitalización realizou probas PCR, pero non se lle mandou gardar corentena". Por riba, denuncia, "ao persoal do servizo de radioloxía nin se lle fixeron PCR, nin tampouco se indicou corentena".

CASOS EN TODA A PROVINCIA

Nestas circunstancias, lembra o sindicato, o protocolo do Ministerio de Sanidade obriga a gardar unha corentena de 14 días, mesmo despois de que a primeira PCR sexa negativa. Esta normal, "de aplicación para a poboación xeral", non se estaría a cumprir na área sanitaria devandita. Ante esta circunstancia, a formación sindical vén de anunciar que dirixiu un escrito ao xerente da área, Félix Rubial, para esixirlle que dea cumprimento ó disposto no protocolo ministerial.

A situación denunciada por CCOO repítese no PAC de Celanova, onde se lles fixo PCR ós contactos directos dun positivo pero non se mandou gardar "a debida corentena". De xeito paralelo, tampouco se lle realizou PCR ós contactos estreitos do caso confirmado na plan de cirurxía do Hospital de Ourense. A Federación de Sanidade de CCOO insta o xerente da área sanitaria a "atallar de inmediato a situación", xa que, segundo denuncian, a falta de observancia do protocolo "pode carrexar un grave problema de saúde laboral e tamén de saúde pública".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta