A Xunta tamén aplica medidas de confinamento a Pontevedra e Ponteceso

As medidas continúan en Santiago, Ourense, Carballo e A Laracha, e en zonas de Lugo e A Coruña. Levanta as restricións a Arteixo e Santa Comba.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2020 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

Os municipios de Pontevedra e Ponteceso súmanse ás medidas restritivas decretadas pola Xunta para frear a expansión de COVID-19 e que se manteñen unha semana máis nos concellos de Lugo, Santiago, Ourense, Carballo e A Laracha, así como en parte da Coruña.

Así o acordou unha reunión do comité clínico de expertos que presidiu este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e que, entre outras cousas, estendeu a obrigación de utilizar máscara a todos os ximnasios de Galicia e incrementou do 50 ao 75% a ocupación máxima de terrazas en áreas con restricións.

En concreto, os expertos recomendaron estender o uso obrigatorio de máscara de protección en todo momento dentro dos ximnasios a toda Galicia, unha medida que desde a pasada semana xa estaba activa naqueles municipios afectados por restricións, tras detectarse dous brotes vinculados a este tipo de establecementos --uno en Santiago e outro en Arteixo--.

Así mesmo, permitirase incrementar do 50 ao 75% a ocupación das terrazas naquelas zonas con restricións especiais, onde non está permitido o consumo en barra e o aforamento interior de hostalaría, restauración, establecementos comerciais ou bibliotecas, entre outros, debe limitarse ao 50%.

Nestas áreas continúan limitadas a un máximo de 10 persoas as reunións en vías públicas ou en establecementos de hostalaría, ademais de reducir os aforamentos de celebracións, lugares de culto e velorios e manter o peche de centros de día e de visitas a residencias.

INCORPORACIÓNS

As restricións mantéñense unha semana máis nos municipios de Santiago, Ourense, Carballo e A Laracha, así como en Lugo, onde o comité decidiu levantar, no entanto, as limitacións especiais ao barrio da Milagrosa, que terá as mesmas indicacións que o resto da cidade.

Tamén se mantén en parte da Coruña, aínda que a evolución epidemiolóxica fai que se levanten restricións nalgúns barrios. Tamén saen Arteixo e Santa Comba, e incorpóranse Pontevedra e Ponteceso.

Un bar no barrio da Milagrosa de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press
Un bar no barrio da Milagrosa de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

ALCALDES DE PONTEVEDRA E PONTECESO

Nun comunicado, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores trasladou "a total colaboración" do consistorio, á vez que fai un chamamento "á calma e á responsabilidade dos pontevedreses e pontevedresas para afrontar esta nova situación de restricións para volver canto antes á nova normalidade".

Por outra banda, o consistorio informa que para este xoves, ás 09,00 horas, o rexedor convocou ao comité de seguimento da COVID constituído a nivel municipal "para estudar as medidas que se porán en marcha por parte da autoridade sanitaria desde esta medianoite

Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, admitiu que a decisión non lles colleu por "sorpresa" ante a "preocupación" que existía xa no municipio "polo incremento de casos" nos últimos días.

Con todo, destacou o feito de que "de 33 baixasen a 28 a día de hoxe" os casos e subliñou que o obxectivo debe ser lograr "cero contaxios". Para iso, trasladou a disposición do consistorio a colaborar coas autoridades sanitarias e coas inspeccións por parte da Policía Local "para que se cumpran as medidas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta