Abanca e Afundación repartiron 80.000 menús a menores en risco de pobreza durante o verán

O programa 'Cubertos' supuxo "un achegamento á realidade de moitas familias que o están pasando moi mal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2020 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

O programa 'Cubertos', impulsado por Abanca e a súa Obra Social Afundación, en colaboración con concellos e entidades sociais co obxectivo de garantir unha alimentación saudable durante as vacacións escolares a menores en risco de pobreza ou exclusión social, repartiu durante o pasado mes de xullo preto de 80.000 menús, 1.650 ao día de luns a venres, nas sete principais cidades galegas.

Para o correcto desenvolvemento deste programa foi imprescindible o labor dos 100 membros do equipo da Obra Social de Abanca e dos 120 voluntarios tanto de Abanca como de Afundación que se encargaron de preparar a distribución, entregar os menús e atender ás familias.

Para eles este programa supuxo "un achegamento á realidade de moitas familias que o están pasando moi mal", segundo recolleu a entidade nos seus testemuños. "Esta experiencia fainos reflexionar e ser conscientes do afortunados que somos algúns , así como ser partícipes activamente na sociedade, cubrindo un oco que estaba sen atender", destacan.

Os menús distribuíronse na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol, en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio. Para iso, habilitáronse un total de 22 puntos de recollida, para facilitar a accesibilidade das familias con localizacións adecuadas ás súas necesidades.

Abanca e Afundación impulsan este programa dentro do seu compromiso coas persoas máis vulnerables, conscientes de que o impacto provocado polo coronavirus "esixe unha resposta rápida e coordinada para facer fronte ás necesidades inmediatas de quen máis o precisa".

MENÚS SAUDABLES

Os menús do programa 'Cubertos' elaboráronse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio.

Con este obxectivo, os menús, preparados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, foron equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e elaboráronse con produtos frescos de provedores locais. Así mesmo, na preparación dos menús atendeuse ás necesidades específicas dos nenos e nenas participantes con intolerancias, alerxias ou outras particularidades.

Programa 'Cubertos', de Abanca e Afundación.. ABANCA
Programa 'Cubertos', de Abanca e Afundación.. ABANCA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta