Sanidade cualifica como de "risco medio-alto" a situación de Pontevedra e Ponteceso

A máscara non será obrigatoria para practicar deporte se é en "pistas específicas" como as de tenis ou pádel.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2020 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

As ordes publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) coas novas medidas para evitar contagios de covid-19 en Galicia consideran que as situacións epidemiolóxicas de Pontevedra e Ponteceso son de risco entre medio e alto, o que levou a endurecer as restricións nestes concellos desde este xoves.

Ademais, os documentos publicados a última hora do mércores fixan a obrigatoriedade do uso de máscaras en ximnasios, pero establecen excepcións, como as actividades en instalacións cubertas nas que se utilicen "pistas específicas", como tenis, pádel, squash ou pistas polideportivas, "sempre que a ocupación máxima da pista se axuste ás regras do xogo ou actividade deportiva e tendo en conta os protocolos aprobados para a dita instalación".

No caso do concello de Pontevedra, onde, entre outras medidas, as reunións quedan limitadas a 10 persoas, o informe sobre a situación epidemiolóxica detecta un ascenso dos casos de covid-19 en toda a comarca desde o 22 de agosto. No entanto, indica que "esta incidencia aumenta máis rápido a partir do 30 de agosto".

A taxa de incidencia, tanto a tres como a sete días, "aumenta máis do dobre" e o intervalo de confianza superior do número reprodutivo instantáneo supera o 1,5, o que indica "que a transmisión pode ser importante". En calquera caso, o documento indica que "a maior parte dos casos produciuse no Concello de Pontevedra" e que o brote "mantén indicadores que o sitúan como de risco alto/medio".

Na comarca de Bergantiños, onde tres concellos --Carballo, A Laracha e Ponteceso-- aplican tamén medidas como as de Pontevedra, a análise da situación epidemiolóxica detecta "unha diminución da incidencia", pero "seguen aparecendo casos e a incidencia a 14 días é elevada" no tres municipios citados.

Así, as medidas restritivas que se aplicaban en Carballo e A Laracha amplíanse a Ponteceso desde hoxe. No momento actual, a taxa de incidencia a tres días nos dous primeiros concellos "é inferior á taxa da comarca, o que significa que as medidas adoptadas están a funcionar", agrega o texto. Os datos de Ponteceso "preocupan" por "o número de casos detectados neste período". As autoridades sanitarias conclúen que o brote na comarca "segue presentando indicadores de risco alto e de risco medio".

Dúas persoas camiñan con máscara
Dúas persoas camiñan con máscara | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta