Santiago presenta un plan de sustentabilidade turística dotado de 4 millóns

O primeiro dos eixos nos que se basea pasa pola 'Gobernación, estratexia e activación do sector turístico', para o que o plan calcula un orzamento de 1,3 millóns de investimento ao longo de tres anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2020 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

O concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, presentou este xoves as liñas básicas do Plan de Sustentabilidade Turística co que a cidade quere concorrer á convocatoria da Secretaría de Estado para este tipo de documentos, un plan dotado dun investimento de catro millóns de euros distribuídos en tres anos e en cinco eixos de actuación.

Reactivar o sector, crear novos produtos, favorecer o turismo sustentable e a economía circular, renovar a mercadotecnia da cidade ou aproveitar as novas tecnoloxías son algunhas das claves que aborda este documento, que presentou este mesmo xoves a súa candidatura á convocatoria e que deberá pasar dúas fases de avaliación, unha primeira por parte da Xunta e outra da Secretaría de Estado de Turismo.

O primeiro dos eixos nos que se basea pasa pola 'Gobernación, estratexia e activación do sector turístico', para o que o plan calcula un orzamento de 1,3 millóns de investimento ao longo de tres anos.

Neste ámbito, dixo Guinarte, traballarase na planificación e definición dunha nova estratexia turística de Santiago, baseada nun "turismo sustentable, equilibrado, seguro e responsable", que permita a "reactivación" deste ámbito tras a crise da COVID-19.

Por outra banda, un segundo eixo, dotado con 870.000 euros, pasa polo desenvolvemento de Santiago como destino intelixente, así como pola mobilidade sustentable e a mellora da accesibilidade.

Dentro disto, o concelleiro apostou por "profundar na aplicación da tecnoloxía á información ao visitante e á xestión dos fluxos turísticos", conseguindo "mellorar" estes fluxos dentro da cidade histórica.

Para iso, proponse a creación dunha plataforma de xestión do destino intelixente, a habilitación de espazos de acollida e estancia para "xestionar de maneira mais sustentable os fluxos turísticos" na cidade" e a elaboración dun plan de accesibilidade con accións como a mellora de accesibilidade da Praza de Galicia e a creación dun itinerario accesible de entrada ao Pazo de Xelmírez.

ESTRATEXIA VERDE

O terceiro eixo, dotado con 640.000 euros, abarca a cidade histórica e a 'estratexia verde' da urbe, promovendo infraestruturas verdes e "solucións vinculadas á natureza", así como "medidas de adaptación" á economía circular e contra o cambio climático.

Paralelamente, proponse intervencións na cidade histórica e accións de activación e posta en valor do patrimonio, como a renovación da iluminación no centro histórico ou a elaboración dun plan de apoio ás economías urbanas.

En cuarto lugar, o plan propón unha transición ecolóxica para o sector turístico, con iniciativas dotadas de 480.000 euros en tres anos e que buscan a mellora na xestión ambiental das empresas turísticas, a redución do impacto ambiental da actividade turística, cambios na xestión de residuos ou medidas de eficiencia enerxética.

Finalmente, un quinto eixo aposta pola renovación da mercadotecnia local e a creación de novos produtos e novas experiencias sustentables, a través dun investimento de 630.000 euros.

Este ámbito busca "aproveitar mellor" o potencial de Santiago como destino cultural e gastronómico, renovar a marca turística de Compostela ou incrementar a promoción en liña. Un dos elementos que destacou o concelleiro de Turismo neste ámbito é a creación dun Centro de Cultura Gastronómica de Galicia, para funcionar como polo de atracción na materia.

PRAZOS

O plan, de ser aprobado, contaría cun financiamento tripartito a mans da Xunta, a Secretaría de Estado de Turismo e o Concello de Santiago.

Unha vez presentada a candidatura, levará a cabo agora unha primeira fase de avaliación por parte da Xunta, durante o mes de setembro, e, posteriormente, avaliarao o Goberno central.

Prevese que a Conferencia Sectorial de Turismo anuncie as candidaturas seleccionadas nas primeiras semanas de outubro, de modo que se poidan asinar os convenios o mes seguinte e ter os fondos a inicios de 2021.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CAPTURA (YOUTUBE)
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CAPTURA (YOUTUBE)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta