PSOE e PP rexeitan no pleno da Coruña instar o Goberno a pedir un referendo sobre a monarquía

O concelleiro de Educación denuncia que están a facer fronte as medidas que son competencia do Executivo galego e indicou que os protocolos da Xunta foron "improvisados".

Por E.P. | A CORUÑA | 10/09/2020 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

O pleno da Coruña rexeitou instar o Goberno a pedir un referendo sobre o modelo de Estado e a elección entre república e monarquía, despois de non obter os votos necesarios unha moción de Marea Atlántica, emendada polo BNG.

Nin populares nin socialistas nin a exedil de Cs e concelleira do grupo mixto, Mónica Martínez, apoiaron a iniciativa, presentada a instancias da entidade 'Galiza pola República' tras a marcha de España do rei emérito Juan Carlos.

Na súa intervención, a portavoz de Marea Atlántica, María García, denunciou que "os partidos do 78 e o poder mediático levan moito tempo protexendo a Xefatura do Estado e ocultando prácticas corruptas. É unha anomalía democrática e un anacronismo feudal". Mentres, o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, sostivo que o pleno municipal non é o lugar para debater cuestións do ámbito lexislativo e avogou por diferenciar entre o plano persoal e institucional no caso das denuncias deste tipo.

OUTROS ASUNTOS

Entre outros asuntos, o pleno aprobou co voto a favor de todos os grupos políticos, a nova ordenanza reguladora de concesión de axudas á conservación e rehabilitación de edificios e vivendas tras resolver as alegacións presentadas ao documento inicial.

Tal e como explicou o concelleiro da Coruña de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, o obxectivo da nova ordenanza é simplificar os procesos para poder obter as axudas, o control económico das obras e unha cuantificación máis polo miúdo dos seus obxectivos.

Na parte non resolutiva, o goberno local lembroulles aos grupos que o Concello puxo á disposición da Xunta espazos municipais para desdobrar aulas nos colexios da cidade e que se fixeron peonís as contornas dalgúns colexios paragarantizar a distancia social.

Por mor das mocións presentadas polo BNG e Marea Atlántica reclamándolle á Xunta maiores investimentos na cidade, o edil da Coruña de Educación, Jesús Celemín, asegurou que o Concello está a facer fronte as medidas que son competencia do Executivo galego e cualificou de "improvisados" os protocolos da Administración autonómica.

CAMBIOS NO GOBERNO LOCAL

Por outra banda, o portavoz socialista e concelleiro da Coruña de Economía pediu "autonomía municipal" para usar os remanentes no debate dunha moción do BNG sobre a utilización dos fondos municipais por parte das administracións, que saíu adiante cos votos de todos os partidos, excepto o PP.

Os cambios no goberno local e a incorporación da exedil de Cs Mónica Martínez á Concellaría de Deportes tamén centraron parte do pleno. "Se o novo rumbo do goberno local é o regreso a políticas do pasado atopará no BNG un firme opositor", sostivo o portavoz do BNG, Francisco Jorquera.

Pleno municipal da Coruña. ANDY PEREZ
Pleno municipal da Coruña. ANDY PEREZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta