Ramirás, onde a alcaldesa leva "persoalmente" o mantemento da traída pública de auga

A rexedora deste municipio ourensán leva dende o 22 de agosto xestionando as faenas da auga pública. A edil mandou poñer vixiancia nos tanques ante a sospeita de "sabotaxes", segundo denuncia o BNG.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Ramirás é un pequeno pobo de Terra de Celanova onde unhas 1.600 persoas conviven con dúas anomalías merecedoras de mención. A primeira, que a auga da traída pública contén "elevados niveis de arsénico", segundo denuncia o grupo do BNG no consistorio. E a segunda, que a súa alcaldesa leva varias semanas ocupándose "persoalmente" das tarefas de mantemento do servizo de augas.

Descarga de auga nun dos depósitos de Ramirás
Descarga de auga nun dos depósitos de Ramirás | Fonte: BNG

Dende o 22 de agosto a rexedora Isabel Gil, do PSOE, está a desenvolver en solitario todas as faneas para abastecer ás máis de 300 casas do pobo de auga corrente. A alcaldesa, de acordo con informacións do BNG, ocúpase de "controar os niveis de entrada de auga na planta e revisar a súa calidade en canto a cloración e turbidez" en dous depósitos. "Tamén deber corrixir as incidencias detectadas nas analíticas, que esixen manipular os mecanismos de cloración nunha das plantas", destacan.

A particular historia deste pobo ourensán, porén, vai máis alá dunha rexedora local que non ten medo a manchar as mans. A actual situación -sempre segundo a denuncia do BNG- xorde logo da dimisión do traballador que se encargaba da xestión diaria das plantas. Segundo a formación nacionalista, o home abandonou o cargo "farto das inxerencias da alcaldesa no seu labor".

VIXIANCIA DOS TANQUES POR "SABOTAXES"

Dende a formación nacionalista explican que a alcaldesa "agocháballe a información sobre o subministro á rede de auga procedente de camións cisterna", así como os resultados das analíticas", que no pobo de Ramirás dan mostra "niveis desaconsellados de arsénico", ata o punto en que "desaconsellan" o consumo humano.

"[A alcaldesa] está obcecada en que existen sabotaxes na rede de augas", explican dende o grupo nacionalista, que aseguran que, "segundo testemulas veciñais", a alcaldesa tería a "persoal de confianza" vixiando os tanques de auga. "Outras testemuñas informan que a alcaldesa ordenou cambiar as fechaduras dos tanques tres días despois da renuncia do traballador ao cargo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta