Feijóo asegura que el dimitiría se fose Jácome

O presidente da Xunta di que o PP fará "todo o que poida" pola gobernabilidade de Ourense e avala a suspensión temporal do pacto con Democracia Ourensana.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 11/09/2020 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que el dimitiría se estivese na situación do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), á vez que garantiu que os populares farán "todo o que poidan" por garantir a gobernabilidade na cidade.

Feijóo preside o acto de posta en servizo do novo acceso ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas
Feijóo preside o acto de posta en servizo do novo acceso ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas | Fonte: Xunta.

"Non podo dar clase do que teñen que facer os demais, se non do que faría eu. Se eu estivese na situación do alcalde, sen grupo maioritario, sen poder tomar decisións e acordos, nin reunir á comisión de goberno, eu non sería un estorbo para a cidade á que tanto quero e temos que servir", aseverou nun acto en Ourense.

O tamén líder do PP galego subliñou que Ourense "merece un goberno estable, que se entenda entre si". "Un goberno estable que non se está dando e que pedimos todos que se restableza", remarcou, antes de incidir en que "non se pode mirar para outro lado" e que "non cabe alternativa que non sexa restablecer a gobernabilidade, así como o funcionamento ordinario do pleno, da comisión de goberno e da cidade".

"Os cidadáns de Ourense merecen ter garantía de goberno e faremos todo o que podamos sabendo que estamos ante unha autonomía local que ten unha normativa que lle dá a responsabilidade de solucionar estes problemas", remarcou.

A continuación, precisou que os problemas se crearon no seo de Democracia Ourensana, que "ten a obriga de buscar unha solución para liquidar os problemas que a cidade non merece".

AVAL A RUPTURA TEMPORAL DO PACTO

Finalmente, aínda que esgrimiu que corresponde aos seus compañeiros no ámbito local adoptar as decisións que correspondan, avalou o paso dado polo PP local coa suspensión temporal do pacto con Jácome. Baixo o seu punto de vista, lanzouse "unha mensaxe clara": que o PP non pode "participar dunha situación de desgoberno e descomposición" do grupo de Democracia Ourensana.

"E suspendemos a colaboración e a coalición de goberno porque non se están dando as circunstancias para poder mantelo. Esa é a responsabilidade de todos os compañeiros de Ourense, que subscribo plenamente", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta