As queixas ao Valedor do Pobo en 2019 apuntan máis a política social e infraestruturas

A construción da coñecida como Variante de Alba, en Pontevedra, concentra o maior número de queixas rexistradas por un mesmo asunto, xa que o Valedor recibiu un total de 1.181 expedientes sobre esta infraestrutura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2020 | Actualizada ás 16:04

Comparte esta noticia

O número de queixas tramitadas polo Valedor do Pobo no ano 2019 descendeu case un 70 por cento ao cursarse 6.250 polas 20.807 xestionadas en 2018. Así figura no informe presentado este venres pola titular do Alto Comisionado do Parlamento de Galicia, María Dolores Fernández Galiño, nunha rolda de prensa posterior á entrega da memoria ao presidente do Lexislativo autonómico, Miguel Ángel Santalices.

A valedora sinalou a presentación de queixas colectivas como un dos motivos que están detrás do descenso no número de expedientes tramitados pola institución nun ano no que, como destacou Fernández Galiño, púxose en marcha un decálogo co que a insitución quere facer que o feminismo e a loita pola igualdade xoguen un papel "transversal" na súa acción.

A análise das actuacións realizadas polo Valedor do Pobo no marco deste decálogo é unha das principais novidades da memoria do ano 2019, no que a institución tramitou unha media mensual de 520 queixas. En total, as actuacións realizadas pola entidade que preside Fernández Galiño ascende a 11.747, que se reparten entre os 6.250 expedientes de queixa, 1.383 asuntos tramitados en atención presencial e os 4.114 en atención telefónica.

Por áreas, destaca o aumento de queixas presentadas ante accións do departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, que aglutinan xa o 29,63% (1.561) dos 5.270 expendientes que afectan á Administración autonómica. Con todo, Política Social é a consellería con máis queixas con 1.598 (30,33%), seguida por Infraestruturas e Mobilidade, Mar --815 (15,47%)-- e Sanidade --494 (9,37%)--.

En 2019, a institución que preside Fernández Galiño (que asumiu o cargo en agosto dese ano) iniciou 67 actuacións de oficio, das cales 25 estiveron relacionadas coa inclusión social, 19 coa xustiza, 14 co medio ambiente e dous coa sanidade e as corporacións locais.

En canto ao perfil do cidadán que recorre ao Valedor do Pobo, a maioría son homes (53,01% polo 47% de mulleres) que realizan a súa queixa en galego (66% polo 33% en castelán) e que reside no ámbito urbano (56,68% polo 43,4% do rural). A maior parte das queixas presentáronse por Internet, ben a través da web do Valedor (2.879) ou por correo electrónico (2.057), aínda que 1.257 realizáronse de forma presencia ou por vía postal.

Segundo Fernández Galiño, as queixas inadmitidas foron 257, un número "moi baixo" que "fundamentalmente" foron rexeitadas por responder a realaciones xurídico privadas alleas ás competencias de control do Valedor.

A valedora puxo o foco no número de asuntos que "a soa apertura" do expediente polo Alto Comisionado fan que a administración corrixa o motivo da queixa. Como exemplo diso, Fernández Galiño sinalou as queixas relativas a listas de espera de sanidade ou os desafiuzamentos, que foron resoltos nun 40 e un 50 por cento, respectivamente, tras a solicitude de información por parte do Valedor.

DECÁLOGO

Na súa comparecencia ante os medios, que iniciou expresando as condolencias do Valedor ás vítimas da pandemia, a valedora dedicou boa parte da súa intervención a repasar as medidas adoptadas en relación ao decálogo que prometeu desenvolver na súa chegada ao cargo hai agora un ano, no que se comprometeu a implantar "o feminismo como sinal de identidade da institución" e facer da loita pola igualdade "un punot transversal" da súa acción.

Este decálogo inclúe o combate do acoso e a violencia en todos os ámbitos, tamén no laboral. Neste sentido, Fernández Galiño convidou ás administracións públicas a comprometerse coa introdución do perfil do "mediador confidencial", unha figura que considera fundamental para terminar con "o cancro" que supón o acoso dentre das organizacións laborais.

En canto á loita contra o rexeitamento ás persoas pola súa situación socioeconómica, coñecida como aporofobia, a valedora subliñou a apertura de dúas actuacións de oficio relacionadas cos procesos de empadroamento de persoas sen fogar e coas actuacións de membros das forzas da orde en determinados concellos á hora de solicitar información a determinadas persoas de etnias ou razas.

QUEIXAS SOBRE UN MESMO ASUNTO

A construción da coñecida como Variante de Alba, en Pontevedra, concentra o maior número de queixas rexistradas por un mesmo asunto, xa que o Valedor recibiu un total de 1.181 expedientes sobre esta infraestrutura.

Séguelle a falta de compensación das quendas do persoal de servizos sociais en domingos e festivos, relativo á Consellería de Política Social, que concentrou 912 queixas. A instalación de colectores como casetas para mariñeiros e asociacións deportivas no porto de Aldán (804 queixas ante a Consellería do Mar), a instalación de bandas sonoras en estradas da comarca do Salnés (181 ante a Consellería de Infraestruturas) ou a repartición de folletos informativos de 'Faiche Ouvir' en centros educativos (168 queixas na Consellería de Eduación) son outros dos asuntos máis reclamados.

No ámbito da Consellería de Sanidade, o Valedor do Pobo recibiu un total de 35 queixas formais polo peche do paritorio de Verín e a supresión do servizo de pediatría, así como 55 relacionadas coa derivación de pacientes crónicos menores de seis anos.

A valedora do Pobo, María Fernández Galiño, entrega a memoria de 2019 ao presidente da Cámara galega, Miguel Anxo Santalices. VALEDOR DO POBO
A valedora do Pobo, María Fernández Galiño, entrega a memoria de 2019 ao presidente da Cámara galega, Miguel Anxo Santalices. VALEDOR DO POBO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta