A Deputación da Coruña insta á Xunta a "impedir" que a Fundación Franco siga á fronte das visitas a Meirás

A deputación ofrécese a traballar conxuntamento co Concello de Sada e a Xunta para que o Pazo de Meirás inclúa o relato completo da súa historia.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/09/2020 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

O pleno da Deputación da Coruña aprobou unha declaración institucional pola que se insta á Xunta de Galicia "a activar todos os mecanismos necesarios para impedir que a Fundación Francisco Franco continúe á fronte da xestión das visitas guiadas ao Pazo de Meirás".

Todos os grupos da corporación apoiaron a iniciativa na que se recoñece tamén o labor das persoas e entidades que participaron no proceso de recuperación do inmoble.

O texto está encamiñado "a impedir que, despois de facerse pública a sentenza que obriga á familia do ditador a devolver a propiedade, a Fundación Franco continúe xestionando as visitas ao inmoble e utilizando o espazo para facer apoloxía do franquismo".

O Pazo de Meirás, recolle a declaración, "segue sendo utilizado como templo do franquismo, con visitas guiadas que continúan a defender os idearios do movemento, incumprindo con impunidade a Lei da Memoria Histórica".

COLABORACIÓN

A Deputación da Coruña ofrécese, neste sentido, para, xunto co Concello de Sada e a propia Xunta, traballar conxuntamente "para que o Pazo de Meirás inclúa o relato completo da súa propia historia, desde que era propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán ata a actual sentenza".

Finalmente, a través da declaración institucional, recoñécese publicamente "o labor de todas as persoas e entidades que nos últimos anos denunciaron este espolio e participaron no proceso de recuperación do Pazo de Meirás".

Por outra banda, no pleno foi rexeitada, cos votos en contra do PSOE e PP, unha moción da Marea Atlántica que esixía a celebración dun referendo para decidir sobre a continuidade da monarquía, así como promover unha investigación parlamentaria sobre o rei emérito.

Un home observa a fachada do Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press
Un home observa a fachada do Pazo de Meirás. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta