O conselleiro de Cultura e Educación pide "máxima responsabilidade" ao seu equipo

Álvaro Pérez López xura o seu cargo de secretario xeral de Presidencia ante Feijóo, cun triplo sentimento de "agradecemento, orgullo e responsabilidade".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/09/2020 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu este venres a toma de posesión do novo equipo directivo do seu departamento, no que Manuel Vila asume a Secretaría Xeral Técnica da Consellería; José Luís Mira a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, e Jesús Álvarez Bértolo, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Román Rodríguez
Román Rodríguez | Fonte: Xunta.

Rodríguez deulles a benvida e demandoulles "máxima responsabilidade, respecto e traballo" para afrontar un período "complexo" marcado pola pandemia, que esixirá de "moita dedicación" tanto no ámbito educativo como no cultural.

Neste "reto de país", advertiu que será preciso "renovar estratexias, incorporando novos puntos de vista" a través de persoas cunha recoñecida traxectoria e experiencia.

O conselleiro tamén tivo palabras de agradecemento para os cargos que abandonan os departamentos: Jesús Oitavén, Manuel Corredoira e José Manuel Pinal.

PÉREZ LÓPEZ XURA ANTE FEIJÓO

Ademais dos cargos de Educación e de Nava Castro, responsable de Turismo, este venres tamén tomou posesión, ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, o seu secretario xeral técnico, Pablo Casal, cuxa "experiencia e vocación de servizo público" valorou o responsable do departamento.

Así mesmo, ante o presidente, Alberto Núñez Feijóo, xurou o seu cargo o secretario xeral de Presidencia, Álvaro Pérez López, quen compartiu un triplo sentimento de "agradecemento, orgullo e responsabilidade". Pola súa banda, o xefe do Executivo destacou os seus coñecementos en ámbitos como o económico e de dereito comunitario, e o seu dominio de idiomas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta