O PSdeG reclama a Feijóo que "rectifique os recortes" da última década e "priorice o social" nos orzamentos

Caballero insta ao PP a que permita unha comisión de seguimento que palie a "falta de información" sobre a pandemia e responsabiliza a Feijóo da situación en Ourense.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/09/2020 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou ao xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que "rectique os recortes" da última década en políticas sociais na elaboración dos orzamentos do próximo ano 2021, nos que "a protección das persoas" debe ser "unha liña vermella na que non se pode retroceder".

Gonzalo Caballero xunto a deputados e senadoresdo PSdeG
Gonzalo Caballero xunto a deputados e senadoresdo PSdeG | Fonte: Europa Press

Así se pronunciou este sábado nun hotel de Santiago onde o PSdeG reuniu á súa comisión interparlamentaria para preparar o arranque dun curso político marcado, segundo Caballero, pola necesidade de aprobar orzamentos tanto a nivel estatal como autonómico "que defendan a protección das persoas fronte á crise sanitaria, económica e social".

"Os socialistas imos estar ao carón da cidadanía defendendo políticas sociais que axuden á xente a abordar este tempo tan complexo, de riscos e incertezas", sinalou Caballero acompañado de deputados e senadores.

O líder do PSdeG lembrou un informe publicado esta semana sitúa a Galicia entre as cinco comunidades autónomas nas que menos se recuperou o investimento en educación, sanidade e políticas sociais respecto dos niveis previos á crise económica iniciada en 2008.

Por iso, pediu ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que "rectifique os recortes" nos orzamentos autonómicos do próximo ano 2021 nos que a "protección social" sexa unha "prioridade".

Ademais, Gonzalo Caballero tamén reclamou ao Partido Popular que "non bloquee a actividade parlamentaria" no Pazo do Hórreo e facilite a constitución de tres comisións relacionadas coa crise do covid-19.

A primeira, segundo explicou, sería unha "comisión de reconstrución" reclamada polos socialistas "e que agora Feijóo di que vai constituír". A segunda, unha de investigación sobre o ocorrido nas residencias de maiores que ten "o veto de Feijóo para non aprender do que pasou".

Por último, unha terceira comisión dedicada ao seguimento da xestión da pandemia que sirva, en palabras de Cabaleiros, para paliar a "falta de información" sobre os contaxios e as actuacións da Xunta.

OURENSE

O secretario xeral do PSdeG responsabilizou a Feijóo da situación que atravesa o Concello de Ourense tras a ruptura do pacto entre Democracia Ourensana e os populares e a negativa do rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, a abandonar o seu cargo.

"Feijóo ten que explicar o pacto letal que implica un espectáculo bochornoso como non ocorre en ningunha outra cidade de toda España", sinalou Caballero, quen dixo que "por hixiene democrática, por rexeneración política e porque queremos políticas públicas que funcionen en Ourense, Baltar debería estar fóra da presidencia da deputación e Jácome da alcaldía", incidiu.

"Non estamos ensuciados como o PP en Ourense. Somos a única alternativa real, de acordo con outras forzas progresistas, que permita pasar páxina ao caos e darlle a Ourense boas políticas públicas e rexeneración democrática", remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Dado que a confusión será o noso epitafio, quizais chegou o momento de poñer en práctica medidas máis intelixentes que eviten as consecuencias da pandemia económica que estamos vivindo ! Unha renda básica universal podería permitirnos vivir en lugar de malvivir... Unha renda básica universal e incondicional evitaría ter que tramitar centos de miles de expedientes ridículos que colapsan unha administración do século XIX... Unha renda básica universal permitiría reactivar a economía e dar saída a todos os cidadáns con independencia dos seus ingresos e da súa situación laboral... Unha renda básica universal abriría a porta a outro mundo posible (mentres a pandemia segue o seu curso incerto) Unha renda básica universal sería un punto de non retorno ao afán capitalista de seguir acumulando en mans duns poucos a riqueza do Planeta ! https://twitter.com/00Gamela/status...