Feijóo di que retomará "a negociación e o diálogo" co alcalde de Ourense cando acabe "a profunda crise" do goberno local

O presidente da Xunta

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/09/2020 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este domingo que retomará "a negociación e o diálogo" co Concello de Ourense cando acabe "a profunda crise" do seu goberno local, que se mantén con Gonzalo Pérez Jácome como alcalde co apoio do único concelleiro do seu partido que lle é leal.

Alberto Núñez Feijóo xunto ao alcalde de Oviedo, Alfredo Canteli, no interior do Hotel Reconquista, onde se celebraba o Día de Galicia en Asturias
Alberto Núñez Feijóo xunto ao alcalde de Oviedo, Alfredo Canteli, no interior do Hotel Reconquista, onde se celebraba o Día de Galicia en Asturias | Fonte: Europa Press

Antes de participar na celebración do Día de Galicia en Asturias, en Oviedo, Feijóo avogou por que se resolva a "profunda crise institucional" que vive a cidade das Burgas antes de retomar o diálogo entre gobernos autonómico e municipal.

E é que o titular da Xunta enviou recentemente senllas cartas ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e aos alcaldes de todas as cidades galegas, salvo ao de Ourense, para ofrecer a súa "colaboración" na loita contra a pandemia e na recuperación económica e social dos concellos.

O feito de que non se dirixise ao rexedor ourensán levantou as críticas da oposición e do propio Jácome, quen dixo que valoraba pedir "amparo" tanto ao Goberno central como á Unión Europea pola "discriminación nunca vista" de Feijóo con Ourense.

Neste contexto, o presidente galego asegurou este domingo en Oviedo que "loxicamente" a Xunta "retomará a negociación e o diálogo" cando termine a situación de "profunda crise" no Concello, que "ten un alcalde e un concelleiro que lle apoia, pero unha cidade é moito máis que o seu alcalde".

"Son ourensán, é a terceira cidade de Galicia e o meu compromiso con Ourense segue intacto, pero o que é evidente é a profundísima crise do Concello, con só un concelleiro apoiando o alcalde", explicou Feijóo, quen engadiu que un presidente autonómico ten que ser respectuoso coa autonomía local.

CRISE NO GOBERNO

Cabe lembrar que o venres a corporación municipal do Concello aprobou unha moción para instar a Jácome a dimitir. A iniciativa, promovida polo BNG, contou co voto a favor dos concelleiros do PP, con quen ata esta semana gobernaba en coalición, e os membros críticos do seu propio partido. Tan só votaron en contra o propio rexedor e o único integrante de Democracia Ourensana que lle é leal, Armando Ojea.

Ante esta situación de crise que vive a capital provincial, Feijóo dixo o mesmo venres que se el "estivese na situación do alcalde", dimitiría: "Sen grupo maioritario, sen poder tomar decisións e acordos, nin reunir á comisión de goberno, eu non sería un estorbo para a cidade á que tanto quero e temos que servir".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta