O Concello da Coruña abre un programa de espectáculos con cen funcións culturais ata novembro

As actuacións repartiranse en 36 prazas da cidade e serán gratuítas, sen reserva e en "formato reducido" seguindo os protocolos sanitarios.

Por E.P. | A CORUÑA | 14/09/2020 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia



O Concello da Coruña presentou o programa Presco Cultural, que suporá a celebración dun centenar de espectáculos culturais en 36 prazas da cidade. A programación incluirá, explicou a alcaldesa, Inés Rey, un mínimo de tres actuacións en cada un dos barrios.

Os espectáculos serán gratuítos, sen reserva, e en "formato reducido", seguindo os protocolos sanitarios sobre os aforamentos. Ademais, a rexedora aclarou que haberá carpas nos lugares de celebración por se chove. Haberá música, teatro, maxia ou danza, engadiu Rey, que apuntou que a cidadanía "necesita respirar cultura".

En declaracións á prensa nun acto no Teatro Rosalía, a alcaldesa anunciou que xa hai case 17.000 usuarios que teñen os bonos Presco, que os coruñeses poderán gastar en hostalaría, comercio e cultura. O humorista Xosé Antonio Touriñán, presente na rolda de prensa, animou a "non deixar de sorrir, aínda que sexa debaixo dunha tea".

A praceira Camelia Aurora Caridade, coñecida como Dori, pediu que se compre nos mercados e en tendas da cidade porque, dixo, "o comercio local dá vida en todos os ámbitos" e o cociñeiro Luís Veira tamén solicitou colaboración aos coruñeses: "Oxalá que todo o mundo entenda que temos que saír e volver sorrir".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. CONCELLO DA CORUÑA
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. CONCELLO DA CORUÑA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta