PPdG rexeita a creación dunha comisión parlamentaria sobre a xestión das residencias e fala de "reformas"

O portavoz parlamentario do PPdeG, Puy Fraga, incidiu en que no Parlamento hai comisións permanentes "nas que se poden facer iniciativas no ámbito sanitario e de política social".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Pedro Puy, puxo en cuestión a necesidade dunha comisión de investigación sobre a xestión das residencias de maiores durante a pandemia, solicitada desde a oposición, e apelou ao consenso na comisión para a reactivación económica e social, exposta polo presidente da Xunta, para debater "reformas".

En rolda de prensa, tras a primeira reunión de grupo da lexislatura, preparatoria da xunta de portavoces convocada para este martes, incidiu en que no Parlamento hai comisións permanentes "nas que se poden facer iniciativas no ámbito sanitario e de política social".

"O traballo parlamentario vinculado á actualidade e as necesidades do país ten moitos medios polos que discorrer", engadiu referíndose, en particular, á "comisión específica" xa anunciada polo titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo. "Creo que esta cuestión quedou aclarada no propio debate de investidura", engadiu.

Fronte á comisión á investigación, avanzou que a postura do PP "é tentar que o traballo desa comisión -- de reactivación económica e social-- sexa positivo para saber que fallo e, sobre esa base, propor reformas para o futuro". "Confiamos en poder chegar a un acordo respecto diso", sentenciou o portavoz parlamentario, quen avanzou que a súa intención é buscar "certo grao de consenso" sobre o seu funcionamento.

Puy agradeceu, mentres, os acordos que, segundo dixo, se tomaron xa sobre o desenvolvemento dos plenos e comisións, á vez que aproveitou a súa intervención para incidir nas cuestións tratadas na reunión do grupo do PP, entre elas a Covid.

DEMANDAS AO GOBERNO

Ao fío diso, reclamou ao Goberno que "retire as limitacións para a reposición de persoal no sistema sanitario público"; unha normativa nacional que regule as sancións polos incumprimentos nas medidas hixiénico-sanitarias impostas, así como que a Lei Orgánica de Sanidade Pública "permita que as comunidades autónomas poidan actuar con máis eficacia na adaptación de medidas que preveñan os contagios".

Xa no ámbito industrial, e ante a "difícil situación" de Alcoa, reclamou "canto antes" un marco electrointensivo. Respecto da situación dos estaleiros en Ferrol, pediu carga de traballo ata o inicio das fragatas.

POSTURA DE PSdeG E BNG

Pola súa banda, preguntado en rolda de prensa de se houbo contactos entre o tres forzas políticas con representación no Parlamento para acordar medidas na nova lexislatura, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou que "o Goberno do PP non fixo os deberes", tampouco no relativo a "como vai ser a comisión de reconstrución" tras a pandemia da Covid-19.

"Aberto ao diálogo", o líder socialista asegurou que non houbo "ningún contacto" para inicialo "sobre calquera cuestión fundamental" e demandou ao PP "que exerza as súas responsabilidades no ámbito das residencias" de maiores.

"Igual que os profesores están á espera, igual as familias dos usuarios das residencias están á espera, e os veciños dos desaloxados polos incendios están á espera... tamén en Galicia estamos á espera de que o PP tome iniciativas para chegar a acordos ante problemas que non é capaz de solucionar", concluíu.

A continuación, tamén en rolda de prensa, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, respondeu igualmente que "non" houbo ningún contacto e que o Bloque non recibiu ningunha invitación "por parte de quen ten a responsabilidade de pór en marcha un acordo positivo para o país".

"Esperamos que esa actitude non quede nun titular de prensa do debate de investidura. Galicia non se pode gobernar a base de titulares", subliñou.

Neste escenario, e dada a existencia de "moitas familias" que están "ao pasar moi mal", os nacionalistas mostran a "man tendida para que haxa acordos útiles", o que ao seu xuízo "significa cambiar as políticas" desenvolvidas ata agora.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta