Greenalia iniciará a construción de catro novos parques eólicos en Galicia o próximo ano

O director financeiro da empresa destaca que a crise permitiu que se identificase o sector como "estratéxico".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/09/2020 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

O director financeiro de Greenalia, Antonio Fernández-Montells, avanzou que a principios do próximo ano a empresa comezará a construción de catro novos parques eólicos, que se sumarán ao cinco cos que conta en activo ou en desenvolvemento en Galicia. Preguntado antes de participar no xantar-coloquio 'As enerxías renovables. A revolución industrial do século XXI', indicou que o obxectivo da empresa pasa por dispor dunha potencia dun xigavatio de cara a 2023.

O director financeiro de Greenalia, Antonio Fernández-Montells
O director financeiro de Greenalia, Antonio Fernández-Montells | Fonte: Europa Press

Para iso, acometeu a construción de varios parques eólicos dos que o primeiro, un proxecto de 24 megawatts desenvolvido en Vimianzo (A Coruña), entrou en funcionamento en decembro do pasado ano. Así mesmo, finalizouse a construción dun segundo proxecto de 22,5 megawatts en Ourol (Lugo) que se atopa en proceso de probas.

O director financeiro deste grupo galego precisou que tamén se espera que se finalice a construción doutros tres parques que suman unha potencia total de 28 megawatts este ano e indicou que estes e os dous anteriores xa foron financiados. "A débeda na súa maior parte xa está disposta e agora estamos a pechar o financiamento dos parques que se construirán o próximo ano", detallou.

Respecto da planta de Biomasa de Curtis-Teixeiro, de 50 megawatts, Fernández-Montells explicou que, desde o 1 de marzo, "funciona a pleno rendemento" durante 7.500 horas ao ano.

No entanto, o director financeiro do grupo coruñés recoñeceu que durante a pandemia produciuse un parón na fase de test da planta debido a incapacidade para desprazarse ao lugar de técnicos procedentes de Finlandia. Tamén sinalou que este trimestre finalizará a proba de test, aínda que apuntou que xa se comezou a exportar enerxía.

Adicionalmente, Fernández-Montells destacou que a crise sanitaria permitiu identificar este sector como "estratéxico" e "resiliente", polo que asegurou que o plan de negocio non se verá afectado pola situación actual. De feito, afirmou que a aposta por este ámbito por parte de investidores, fondos e entidades bancarias mantense.

Deste xeito, o director financeiro de Greenalia incidiu en que a transición enerxética e, en concreto, os proxectos ligados a enerxías renovables exercerán como "un dos catalizadores para para poder saír da crise" derivada da pandemia.

Precisamente, asegurou que se comezou a identificar este sector como "refuxio", o que levou un incremento da demanda e os prezos. Tamén remarcou que Greenalia dispón da totalidade dos seus dereitos de conexión e afirmou que non atopou casos nos que "se compren para especular".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta