Case o 45% dos falecidos por Covid en Galicia son de residencias

Seguen subindo os contaxios en residencias. Xa hai 228 usuarios contaxiados e 92 traballadores. A Xunta insiste en que a Xunta intervirá residencias cando sexa necesario pero remarca que "non son búnkeres".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/09/2020 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

Seguen aumentando o número de mortes por coronavirus relacionadas con residencias de anciáns. De feito, a maior parte das mortes do último mes están relacionadas con este tipo de centros.

Persoal da Residencia de maiores A Milagrosa sae do xeriátrico.. Carlos Castro - Europa Press
Persoal da Residencia de maiores A Milagrosa sae do xeriátrico.. Carlos Castro - Europa Press

Ata agora notificouse a morte de 696 persoas con COVID en Galicia, dos que 308 eran usuarios de residencias, un 44,2 por cento do total de decesos (e destes, 141 morreron dentro dos propios centros xeriátricos. Neste sentido, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que a Xunta intervirá residencias cando sexa necesario pero remarca que "non son búnkeres".

E a situación nas residencias segue sen mellorar. Así, os casos de COVID nos centros de maiores de Galicia experimentaron un lixeiro ascenso nas últimas horas, tras detectarse 3 novos positivos entre traballadores, co que o número de afectados ascende a 320 (228 usuarios e 92 empregados).

Así, tras o falecemento dun usuario da residencia DomusVi de Outeiro de Rei (Lugo) nas últimas horas, o número de anciáns contaxiados sitúase en 228. Os principais focos de COVID seguen na residencia de Outeiro de Rei (137 anciáns) e na do Incio (58 casos), seguidas por Orpea de Culleredo (26 usuarios contaxiados), DomusVi Lalín (5 casos), Residencia de Arteixo (un caso) e Castro Ribeiras do Lea (un caso).

Con respecto aos traballadores de centros xeriátricos, detectáronse tres novos casos positivos (un na residencia Vitoria de Teo, outro na residencia do Incio, e outro en Nosa Señora do Socorro de Arnoia), polo que o número de empregados con COVID ascende a 92.

Os persoais máis afectados son as do Incio (37 traballadores positivos) e DomusVi Lugo-Outeiro de Rei (23 casos); tamén hai empregados contaxiados en Orpea Culleredo (4 casos), DomusVi Lalín (3 casos), Volta do Castro de Santiago (2 casos), residencia Vitoria de Teo (2 casos), Nosa Señora do Socorro (2 casos), Doral Residencias de Mos (2 casos).

CENTROS DE ATENCIÓN A DISCAPACITADOS

Con respecto aos centros de atención a discapacitados, o número de usuarios afectados mantense en 26, todos da Residencia Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros.

Entre os traballadores destes centros, produciuse un alta nas últimas horas (un empregado da residencia de Aspace en Sada), pero detectáronse dous positivos novos: un traballador da residencia Ricardo Baró e un da residencia para persoas con dano cerebral de Fudace, en Castro de Rei. Deste xeito, o total de empregados de centros para discapacitados con COVID ascende a 13.

RUEDA

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu este mércores en Lugo que "as residencias" de maiores "son dos lugares de maior risco", polo que ao Executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo non lle tremerá a man se é necesario intervir estes centros, aínda que remarcou que "non son búnkeres".

"Sempre que se pensou que tiña que actuar interveuse nas residencias, que criamos que era necesario. Isto é o que imos seguir facendo, que tampouco as residencias son búnkeres onde o virus non vai entrar. Hai que ter coidado, creo que o estamos tendo e actuando cando é necesario", defendeu, nun acto en Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta