O BNG reclama no Congreso que se respecte o "dereito de reunión" tras unha sanción a varios sindicalistas

Os nacionalistas queren saber "que xustifica a imposición de sancións aos participantes en concentracións lícitas nas que se gardaban as debidas medidas de seguridade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2020 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

O BNG denunciou no Congreso a apertura de procesos sancionadores contra varios membros da CIG por participar en concentracións realizadas nas sete cidades galegas o 23 e 28 de abril para reclamar protección social e seguridade nos seus postos de traballo, unhas concentracións que, explicou o deputado Néstor Rego, fixéronse mantendo a distancia de seguridade e as medidas de protección.

Néstor Rego sinalou que, "a pesar de que durante o estado de alarma non cabe a suspensión do dereito fundamental de reunión", varios participantes destas concentracións "recibiron sancións pola súa presenza nestes actos". Durante o desenvolvemento destas concentracións, "a policía procedeu a identificar e posteriormente a sancionar a distintas persoas asistentes, aplicando a Lei de Seguridade Cidadá, a coñecida como Lei  Mordaza".

"Un dereito fundamental como o de manifestación non pode ser prohibido e as autoridades deben garantilo sempre, en todo caso, propondo aos promotores as medidas complementarias que consideren necesarias para preservar a seguridade pública", destacou o deputado.

Os nacionalistas queren saber "que xustifica a imposición de sancións aos participantes en concentracións lícitas nas que se gardaban as debidas medidas de seguridade" e instan a que se pechen os expedientes abertos e retírense as propostas de sanción.

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego- Arquivo
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego- Arquivo

NON SE APROBA RETIRAR O RETRATO DO EMÉRITO DO PARLAMENTO

A primeira comisión parlamentaria desta lexislatura acolleu un debate, a proposta do BNG, para retirar das paredes da Cámara o cadro do rei emérito, Juan Carlos I, que recentemente saíu de España ante a repercusión pública do que el definiu, nunha carta remitida ao seu fillo Felipe VI, "certos acontecementos pasados" da súa "vida privada".

Os nacionalistas tamén querían, como explicou o deputado impulsor da iniciativa, Luís Bará, retirar a condición de embaixador do Camiño de Santiago ao que foI xefe do Estado, algo que o PPdeG tamén rexeitou facendo mención a que "foi fundamental para a súa promoción internacional".

É máis, o deputado popular Alberto Pazos Couñago fixo unha defensa férrea do papel do rei emérito para unha "transición modélica que deixou unha democracia moderna homologable á de calquera democracia" de países europeos e rexeitou o "linchamento político" á vez que reivindicou a "presunción de inocencia".

Así, seguiu a liña expresada leste mesmo martes polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen elevou a condición de "galego ilustre" a Juan Carlos de Borbón. "Sempre que queira volver (a Galicia) estaremos encantados de recibilo", dixo Feijóo en Zarzuela, onde se reuniu con Felipe VI tras a súa toma de posesión por cuarta vez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Coa crise brutal que temos enriba, esta é a "gran política" da UPG ? Defender aos sindicalistas da CIG mentres un MILLÓN de denuncias foron impostas arbitrariamente polas forzas e corpos de seguidade segundo datos do Ministro do Interior (Marlaska) ? Nestor Rego emprega o seu escano para DEFENDER AOS SEUS ! E aos demáis que nos parta un raio ! O tema dos cadros do Congreso pode metelos no cortello, pero falar dunha Renda Básica Incondicional e Universal para sair adiante neste mundo de tolos, eso non, eso non toca !!! Temos un tuir para Feijoo, que non temos ninguén que llo queira mandar ! https://twitter.com/00Gamela/status... Política da Miseria !