CONTAXIOS EN CENTROS: Afectados colexios da Coruña, Pontevedra, Vigo, Ourense, Cambre e Vilagarcía

Illados máis de 60 alumnos en Redondela e Vigo. A Coruña ten tres escolas afectadas. Tamén se pechou unha aula en Vilagarcía de Arousa.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 17/09/2020 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

Os centros educativos e escolas infantís de Galicia confirmaron ao longo deste xoves novos casos de COVID-19, tanto entre docentes como entre algún dos escolares. En concreto, detectáronse casos en polo menos Pontevedra, Vigo, A Coruña, Vilagarcía, Ourense e Cambre.

Un dos últimos positivos en transcender durante a xornada foi o do CEIP Praza de Barcelos, en Pontevedra. Dous nenos dunha aula de primaria deron positivo nas probas do virus, e o centro xa comunicou a situación ás familias afectadas través do espazo Abalar.

Nenos nunha gardaría
Nenos nunha gardaría | Fonte: EP

Xa pola mañá foi detectado un novo positivo na Coruña elevando a tres os centros con casos de COVID-19 afectados na cidade herculina. O CEIP Rosalía de Castro da Sacra Familia, na Coruña, rexistrou un positivo confirmado. Segundo sinalaron fontes municipais a Europa Press, trátase dunha profesora, e hai unha aula afectada polas medidas de illamento. Os servizos de desinfección e limpeza pasaron polo centro sobre as 10,00 horas.

Este mércores confirmábanse outros dous positivos en Infantil e en Primaria do CEIP Ramón da Sagra, ademais doutro caso no CEIP Fernández Latorre, nos que tamén se activaron os protocolos de actuación fronte ao coronavirus.

Precisamente, ese mesmo día transcendeu un positivo nunha coidadora de comedor no Mestre Vide de Ourense, detectado durante o fin de semana, pero non obrigou a tomar medidas a maiores debido a que a traballadora xa non acudiu ao centro o luns.

AULA EN VILAGARCÍA

Por outra banda, fontes do colexio San Francisco Javier de Vilagarcía de Arousa explicaron este xoves que o positivo de alumno levou a pór en corentena a unha clase de Infantil, cunha vintena de estudantes e a súa profesora.

Fontes deste centro explicaron a Europa Press que os alumnos foron postos en corentena "por precaución" e o Sergas realizaralles PCR "a todos nos próximos días". En función dos resultados, "completarán as 15 semanas de corentena ou non", subliñaron.
VIGO

O Colexio María Auxiliadora (Salesianos) de Vigo tamén determinou o illamento dos alumnos dunha aula de Primaria e da súa profesora tras confirmarse o caso positivo de COVID dunha das estudantes desa clase.

Segundo se comunicou ás familias por parte da dirección do centro, unha alumna dunha das clases de 5º de Primaria deu positivo por coronavirus, polo que o resto dos seus compañeiros (23 estudantes) e a súa titora, aos que se realizarán probas PCR, deberán gardar corentena.

CEIP DE REDONDELA

Por outra banda, o CEIP Outeiro das Penas de Cesantes, en Redondela, mantén dúas aulas pechadas e 48 nenos en illamento, ademais de dous profesores, despois de detectarse dous casos de coronavirus entre os alumnos, aínda que os primeiros resultados das PCR realizadas descartaron, de momento, novos contaxios.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes do propio centro e do Concello de Redondela, a medida tomouse despois de que un alumno de segundo de Primaria comunicase o seu positivo ao colexio. Ao realizar as probas ao núcleo familiar, tamén se constatou que a irmá menor do neno estaba contaxiada (alumna de Infantil do mesmo centro).

CHAMADA Á "TRANQUILIDADE"

Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, a socialista Digna Rivas, insistiu en facer un chamamento á "tranquilidade" porque, de momento, o CEIP Outeiro das Penas é o único centro afectado en todo o municipio e, ademais, "os nenos non se contaxiaron no colexio".

Rivas sinalou que, tras o cambio na Consellería de Sanidade e o nomeamento de Julio García Comesaña como conselleiro, "hai unha coordinación permanente" entre o Sergas e o Concello, e agora tamén co colexio afectado.

CONTAXIOS EN OURENSE E CAMBRE

Un centro de Ourense e outro en Cambre rexistraron casos positivos por COVID-19 en polo menos dous dos seus alumnos. Un deles detectouse na Divina Pastora Franciscanas, en concreto un escolar de primaria que facía uns dous días que non acudía ao centro.

Segundo trasladaron fontes do mesmo, catro dos seus compañeiros no mesmo aula, contactos estreitos, puxéronse en corentena e están á espera de PCR ou dos resultados.

Así mesmo, comunicouse a situación ás familias e aos responsables de Sanidade, ademais de aplicar os protocolos da COVID-19 e da teledocencia para os mozos que tiveron que permanecer no seu domicilio.

Tamén se tivo coñecemento doutro caso nunha aula de Infanfil do CEIP Wenceslao Fernández Flórez de Cambre. A raíz do positivo nun dos estudantes, aplicouse o protocolo de actuación no resto da clase.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 galiza si

Hai 3 días que comezou e xa van... Dentro de 2 semanas falamos, a ver cantos quedan sen pechar... É o que ten "BIBA la fiesta", vodas, comuñóns, cheas, festas, enchentas na casa cos colegas e cos familiares emigrados... Todo tirado pola borda en 30 días. Cada sociedade ten o que merece, o que pasa que a nivel individual pagan xustos por pecadores. E preguntan, e que fago co meu neno en corentena, pois o lóxico no caso dos contaxiados é que os seus familiares fagan a corentena porque seguramente estarán contaxiados (ao xa o contaxiaron eles) e os outros pois porque o di o protocolo (contactos cercanos corentena obrigada).