Vítor Vaqueiro, o escritor que naceu en Vigo pero "escolleu" Compostela

O autor será homenaxeado este sábado na capital da man da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2020 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela será escenario o sábado vindeiro dunha das primeiras homenaxes literarias na era covid. O agraciado será o autor vigués Vítor Vaqueiro, poeta narrador e fotógrafo cuxa figura será ensalzada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) como parte da vixésimo sexta edición da Homenaxe ó Escritor na súa Terra.

O autor Vítor Vaqueiro
O autor Vítor Vaqueiro | Fonte: wikipedia

Do acto, do cal Vaqueiro sairá como membro de honra da asociación, resulta destacable o espazo escollido, a moitos kilómetros da vila natal do autor. A selección de Compostela non é senón un xeito de recoñecer o estreito vencello de Vaqueiro coa cidade ao longo da súa extensa traxectoria, tanto profesional -foi estudante e docente na cidade- como literaria.

Así dá proba o derradeiro dos poemarios publicados ata o momento polo autor, 1968. A obra, que convenientemente saíu do prelo 50 anos máis tarde, evoca os anos de efervescencia na universidade logo do Maio francés. Estas e outras vivencias serán postas en valor e recordadas no acto pola AELG, que terá lugar no parque de Galeras da cidade e non nun espazo pechado para adaptarse o mellor posible á actual situación sanitaria.

UN MONOLITO E UNHA ÁRBORE

A xornada dará comezo ás 11:30 da mañá co descubrimento dun monolito conmemorativo e a plantación dun carballo na honra do autor. Posteriormente, e trala xustificación da entrega do premio, o poeta será agasallado cunha peza escultórica da autoría de Soledad Penalta. Tamén está previsto que interveñen unha figura do Concello, probablemente o propio alcalde.

A Homenaxe ó Escritor na súa Terra conforma xa unha "tradición" no seo da Asociación, que leva máis de dúas décadas escollendo este recurso para poñer en valor e destacar a contribución artística e literaria dos recoñecidos. "A terra escollida polo homenaxeado cobra un protagonismo fundamental", explican. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta