Feijóo insiste en que é Jácome quen debe "tomar unha decisión" para desbloquear a situación en Ourense

Evita situarse sobre a proposta dunha moción de censura exposta polo BNG.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/09/2020 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, insistiu en que a responsabilidade para pór fin á "inestabilidade" que padece o Concello de Ourense corresponde ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que goberna co apoio de só dous concelleiros tras a suspensión do pacto co PP.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

Núñez Feijóo evitou situarse sobre a proposta lanzada polo BNG ourensán para que os 24 edís que apoiaron unha iniciativa plenaria hai unha semana que pedía a dimisión de Jácome presenten unha moción de censura para forzar a saída do líder de Democracia Ourensana e que goberne a lista máis votada nas eleccións de maio de 2019, o PSOE.

"Todo parece indicar que se a todos nos interesa Ourense, hai algunha persoa que ten que tomar unha decisión máis cedo que tarde", sinalou Feijóo en alusión ao "edil que ostenta a Alcaldía" da capital ourensá, que se atopa, segundo o mandatario, "nunha encrucillada" da que responsabiliza ao propio Jácome por non ofrecer "unha resposta clara nin transparente" acerca da "forma de financiamento" do seu partido.

"Veremos as próximas semanas como evolucionan", dixo Feijóo, que volveu defender a decisión de suspender o pacto de goberno con Democracia Ourensana "por exercicio de responsabilidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta