A pandemia, unha oportunidade para o turismo termal

Termatalia rematou con éxito de asistencia o 1º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, evento organizado para cubrir o oco que deixaba a cancelación desta feira que chegaba neste 2020 á súa vixésima edición.

Por X.M. Fernández | Ourense | 19/09/2020 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Foron dous días de intensa actividade durante os que 50 relatores de 10 países analizaron a situación actual do turismo de saúde internacional marcada pola pandemia e que foron seguidos, vía telemática ou de xeito presencial desde Expourense, por máis de 500 asistentes rexistrados desde 30 países de 4 continentes.

Intervención de Nava Castro. Foto: Expourense
Intervención de Nava Castro. Foto: Expourense

A Covid-19 converteuse previsiblemente no fío condutor deste congreso no que a gran maioría dos relatores destacaron que esta pandemia é unha boa oportunidade para darlle á balneoloxía e ás augas termais o recoñecemento que merecen pola súa influencia no fortalecemento do sistema inmune e tamén porque pode facilitar a rehabilitación daquelas persoas que xa contraesen o virus.

Este pasado xoves, 17 de setembro, remataba o encontro cunha Xornada de Turismo, Innovación e Sustentabilidade na que foron presentados destinos termais como Galicia, Estremadura, Costa Cálida Murcia ou Portugal, entre outros. Os relatores coincidiron na oportunidade que supón esta situación para reforzar a imaxe de destino seguro e sostible pois segundo indicou na súa intervención a propia directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro: “ofrecemos un tipo de turismo respectuoso co medio Ambiente que ademais mellora a calidade de vida da xente que vive na contorna termal”.

Daquela, unha das conclusións deste congreso foi que no contexto actual de crise sanitaria o turismo de saúde sairá reforzado. E farao porque os turistas buscarán cada vez máis procurar destinos que, ao mesmo tempo que un período de descanso e goce, lles poida servir para contribuír a levar un estilo de vida saudable e preventivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta