Feijóo defende os cambios: "A Xunta se renova e se rearma" para "cambiar con Galicia"

Destaca que non é "o mellor momento" para asumir a responsabilidade que leva un cargo público.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 19/09/2020 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, chamou este sábado aos seus a "seguir cambiando con Galicia" e, tras subliñar o novo escenario marcado pola pandemia, defendeu as substitucións de caras que realizou no primeiro e segundo nivel do seu Executivo para afrontar "novos retos" nos ámbitos sanitario, económico e social.

"Neste ano 2020 no que todo o mundo afronta unha pandemia, cando nos encheu de dúbidas o que debiamos facer, tentamos cambiar o Goberno galego para que traia certezas. A Xunta se renova e se rearma", proclamou, na reunión da xunta directiva do PPdeG, máximo órgano do partido entre congresos, que se celebrou na Coruña.

Ante os seus, Feijóo xustificou as súas últimas decisións na Xunta, convencido de que os galegos non lle "prestaron o seu apoio maioritario" nin lle deron "unha maioría abafadora" nas eleccións do 12 de xullo para "facer o mesmo", senón para "responder a novos retos e buscar novas solucións" no complicado escenario do coronavirus e as súas consecuencias.

O líder popular reivindicou a renovación e o cambio nun discurso no que subliñou que hai que "cambiar con Galicia" e insistiu en que "sería un erro pensar que Galicia votou ao inmobilismo ou para que todo siga igual". Tamén deu as grazas pola súa "xenerosidade" a quen deixaron paso ou ás fichaxes que terán que afrontar unha realidade que --avanzou-- será "dura".

"Máis dura a final de ano, e dura en todos os meses de 2021", anticipou, para engadir que, tras anos de "crecemento económico" nos que se empezaba a escoitar que "si" no Goberno, agora chegará o "non" e a xestión máis dificil con "menos diñeiro e menos orzamento". Por iso, admitiu que non é "o mellor momento" para asumir a responsabilidade que leva un cargo público.

Neste arranque do curso político "distinto", no que os populares convocaron esta cita no canto do tradicional acto multitudinario habitual, interviñeron os presidentes provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra. Tamén o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, en representación de Ourense, posto que o seu líder provincial, Manuel Baltar, non puido acudir, segundo informaron a Europa Press fontes populares, por motivos familiares.

Feijóo intervén ante a Xunta Directiva do PPdeG na Coruña.. PPDEG
Feijóo intervén ante a Xunta Directiva do PPdeG na Coruña.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se eles se rearman nós deberamos tomar a iniciativa https://twitter.com/00Gamela/status... Pero de momento non se mira nada de nada de nada... todo tan casposo coma sempre!