Conde non se ve competindo con Rueda pola sucesión de Feijóo: "únenos unha amizade magnífica"

O conselleiro de Economía non ve "ningún outro escenario" para Alcoa San Cibrao que "un acordo" de venda a Liberty.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2020 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, rexeitou este domingo que o feito de que Alberto Núñez Feijóo crease para el unha nova Vicepresidencia teña unha lectura en clave sucesoria.

"A campaña, o presidente centrouna en Galicia. Nestes momentos, na propia composición do Goberno, o único que fai o presidente é traer a mesma prioridade. Esa prioridade é Galicia", insistiu.

Así respondeu ao ser preguntado, durante unha entrevista na Cadea Ser recollida por Europa Press, se a súa elevación a vicepresidente segundo o coloca, xunto ao vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, na liña de saída da carreira pola sucesión a Feijóo no caso de que rexeite optar a un quinto mandato. E é que en 2004 o expresidente Manuel Fraga nomeou vicepresidentes ao dos Peares e a José Manuel Barreiro, precisamente quen logo se disputarían o liderado do PP galego.

Con todo, Conde limitou a nova organización do Goberno galego a "a prioridade" de traballar para "dar resposta ao que necesitan os galegos". "A organización é un medio para o fin. O fin é Galicia, o emprego e as politicas útiles", dixo.

Ademais, o vicepresidente segundo confesou que tanto a el como a Rueda úneos "unha relación de amizade magnífica e, sobre todo, unha relación de traballo". "Nese sentido, non só co vicepresidente primeiro, senón co resto de conselleiros", engadiu.

UNHA "MAIOR COORDINACIÓN"

Así, explicou que a creación do seu departamento "significa seguir traballando nun Goberno que ten como prioridade a economía e a creación de emprego" e no que el asumirá a "maior coordinación" que supón a chegada de fondos desde Europa, que van ser "a base da transformación e a recuperación económica" desde campos "transversais" como "a dixitalización e a transición enerxética".

No entanto, na remodelación do seu Executivo, Feijóo decidiu desligar a área económica da laboral, de modo que esta última ten agora entidade propia na Consellería de Emprego e Igualdade, cuxa titular é María Jesús Lorenzana. A pesar desta perda de competencias, Conde saudou esta reestruturación porque no contexto actual permite que "o diálogo social adquira unha maior relevancia, se cabe".

Nas súas palabras, o contacto coa Consellería de Emprego e Igualdade será "constante", porque os acordos do diálogo social que se alcanzaron a finais do pasado ano "xa marcaba aspectos vinculados coa axenda industrial" e coa "transición enerxética".

RESPOSTA "MOI POSITIVA" DO SERGAS

Sobre a situación que deixa en Galicia a pandemia da COVID-19, Francisco Conde afirmou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está a ofrecer "unha resposta moi positiva" que ten que ir acompañada "desde o punto de vista da reactivación económica": "Temos que traballar por vivir con esta situación mentres non haxa unha vacina".

O recentemente nomeado vicepresidente segundo confía en que a comisión pola reactivación no Parlamento galego, que botará a andar tras o acordo unánime alcanzado esta semana entre PP, BNG e PSdeG, acompañe os "esforzos" do grupo de expertos económicos conformado pola Xunta.

ALCOA: "NINGÚN OUTRO ESCENARIO" QUE O ACORDO

Finalmente, sobre a inminente execución do expediente regulador de emprego (ERE) na fábrica de Alcoa en San Cibrao se non se materializa a venda a Liberty, Francisco Conde asegurou que nin o Goberno español nin a Xunta albiscan "ningún outro escenario que non sexa" que ambas as empresas "cheguen un acordo".

Tras reivindicar que ambas as administracións poñen a disposición de Alcoa e Liberty "todos os mecanismos facilitadores" para ese fin, pediulles "que acheguen posturas e poidan desenvolver" ese acordo que entende que "é posible".

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, nunha entrevista na Cadea Ser.. CADEA SER
O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, nunha entrevista na Cadea Ser.. CADEA SER | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 gomoku

Co carisma que tén calquera dos dous élles mellor presentar un castrón ou unha cabra vella. Total gañarán igual.