20 festas en pisos na fin de semana fan saltar as alarmas en Santiago ante o inicio do curso universitario

Bugallo pedirá reunirse co delegado do Goberno para solicitar a "colaboración" da Policía Nacional na vixilancia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, fixo este luns un chamamento á "responsabilidade de todos" ante o inicio do curso académico esta semana, despois de que as autoridades municipais denunciasen 20 festas en pisos entre a noite do venres e a do sábado.

Na rolda de prensa posterior á reunión da xunta de goberno local, o rexedor dixo que a semana que comeza representa para a capital galega "un gran reto", que é a volta ás clases tanto na universidade --desde este luns-- como en Educación Secundaria e Formación Profesional --este mércores--.

Neste sentido, Bugallo dixo que Santiago "se xoga" durante os primeiros 15 e 21 días do curso o poder reducir as restricións sanitarias que mantén a cidade "ou se, pola contra, é necesario amplialas". "Todo vai depender do que suceda nestas dúas ou tres primeiras semanas", augurou.

Ante a chegada de miles de estudantes universitarios durante os últimos días, o alcalde de Santiago pídelles que pensen "en si mesmo" pero tamén "nas súas familias e terceiras persoas" antes de cometer actuacións "irresponsables".

"UN INCREMENTO NOTABLE" DE FESTAS

Seguidamente, deu o dato de que entre o venres e o sábado "denunciáronse 20 festas en pisos", unha decena cada día, o que supón "un incremento notable" debido, segundo comentou, a que os locais de hostalaría pechan antes --como moi tarde, á 1,00 da mañá-- e "hai quen non se resiste a dar a festa por acabada".

Por iso, advertiu que a Policía Local tramitará "todas as denuncias, sexa por botellón ou por outros incumprimentos da normativa". Non en balde, Bugallo avanzou que se entrevistará co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para poder contar coa "colaboración" da Policía Nacional neste labor.

"Dentro das nosas posibilidades e capacidades, estaremos absolutamente atentos para tramitar todas as denuncias", insistiu o rexedor compostelán, para a continuación solicitar a "colaboración de todos", tanto de estudantes como de familias, veciños, centros e universidades.

Consumo de alcol nun piso/ www.flickr.com/photos/simbiosc/11156988436
Consumo de alcol nun piso/ www.flickr.com/photos/simbiosc/11156988436

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta