Feijóo defende a Ayuso e di, agora, que é competencia do Goberno central intervir en Madrid

Di que o Goberno de Pedro Sánchez "non pode desentenderse" das súas competencias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este luns á súa compañeira do PP e xefa do Executivo da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, antes de incidir en que as características diferenciais desta autonomía "obrigan" ao Goberno central a "non desentenderse" de competencias "exclusivas" viarias, ferroviarias ou aeroportuarias.

En declaracións aos medios tras participar nun acto na Xunta, Feijóo advertiu que en Madrid está situado o aeroporto internacional "máis importante de España e un dos máis importantes de Europa", así como conexións básicas e centrais tanto por tren como por autovía. "Todo se comunica a través da Comunidade de Madrid", reflexionou o presidente galego, quen advertiu que o Goberno autonómico "non ten medios nin capacidade para controlar esa pandemia coas súas propias competencias".

Por iso, baixo o seu punto de vista, Madrid representa a "paradigma" de cal debe ser o "compromiso" da Administración estatal na loita contra a covid-19.

"UN ENORME RISCO"

Na mesma xornada na que se reúnen Díaz Ayuso e o xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, o presidente galego insistiu no "enorme risco" que supoñen para o país "os millóns de persoas" que entran no aeroporto de Barajas "sen ningún control nin PCR" procedentes de distintos países, do mesmo xeito que sucede cos numerosos cidadáns que transitan polas estacións ferroviarias ou polas autovías madrileñas.

Por iso, advertiu que esta situación é "un feito que obriga a que a Administración do Estado non se desentenda das súas competencias exclusivas, viarias, ferroviarias e aeroporturarias", a que a Policía Nacional e a Garda civil estean "a disposición" da saúde pública e a que a Comunidade "estableza protocolos e pida que cada un cumpra as súas obrigas".

CONFINAMENTO E PROTESTAS

Preguntado sobre a decisión de confinar distritos en Madrid, Feijóo lembrou que, "con maior ou menor énfase", outras comunidades, tamén Galicia, tivo que adoptr medidas deste tipo e habilitar distintas restricións. Entre outros casos, o confinamento da Mariña lucense.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Eduardo Parra - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Eduardo Parra - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta