Os novos casos de COVID-19 caen por baixo dos 200 diarios

Galicia detectou nas últimas 24 horas 194 contaxios.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/09/2020 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Galicia detectou nas últimas 24 horas menos de 200 novos contaxios de COVID-19, unha cifra que supón un descenso con respecto ás xornadas anteriores e que non se pasaba desde o pasado 8 de setembro. En concreto, segundo os datos da Consellería de Sanidade, detectáronse na última xornada 194 novos casos de COVID-19 e a cifra de casos activos diminuíu ata os 4.304 (-46).

Dúas sanitarias preparan probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo)
Dúas sanitarias preparan probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo) | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Nas últimas 24 horas sumáronse ao parte tres falecementos relacionados coa COVID-19, os de dous usuarios de residencias --a Orpea de Culleredo e a DomusVi Lugo de Outeiro de Rei-- e o dunha muller ingresada no Hospital de Ourense, co que xa son 718 os vinculados á pandemia.

Do mesmo xeito, producíronse 237 altas, co que a cifra de persoas que superaron a COVID-19 en Galicia elévase a 16.995.

Segundo os datos de Sanidade, catro das sete áreas sanitarias galegas rexistran un descenso na cifra de casos activos. En concreto, a baixada máis pronunciada dáse en Lugo, onde pasan de 725 a 689 (-36) e na Coruña, onde baixan en 30, de 1.178 a 1.148. Do mesmo xeito, na área sanitaria de Santiago e A Barbanza hai 12 casos activos menos, ata 625 e na de Ferrol caen sete, ata os 177.

Pola contra, a cifra de casos activos sobe en Vigo, onde pasan de 440 a 457 (+17) e na de Ourense, con 14 máis, ata os 541. En Pontevedra, pola súa banda, pasan de 658 casos activos a 667 (+9).

O número de PCR realizadas ata o momento sobe a 431.081, fronte ás 426.934 contabilizadas ata o domingo. É dicir, en 24 horas realizáronse 4.147 probas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta