Máis de 60 expertos a disposición de empresas, comercios e autónomos para asesoralos en retos postCOVID-19

Forman parte de Igape Responde, o programa da Xunta que activou unha liña de asesoramento gratuíto para facilitar a este colectivo a posta en marcha de medidas de acción inmediata.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2020 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

Máis de 60 expertos e consultores especializados sumáronse ao equipo técnico do Igape para apoiar, asesorar e formar aos autónomos, comercios e empresas galegas en cuestións relacionadas coa era post COVID-19.

Forman parte do Igape Responde, o programa da Xunta que activou unha liña de asesoramento gratuíto para facilitar a este colectivo a posta en marcha de medidas de acción inmediata.

O vindeiro mércores 23 terá lugar o primeiro dos encontros dixitais que inclúe esta liña, 'Como pode axudar o programa Igape Responde á miña empresa', un seminario web no que se informará dos apoios que ofrece.

A través da web responde.igape.es, o tecido empresarial galego pode acceder a 14 tipos de medidas diferentes, que se implementan de maneira rápida nun prazo de dúas semanas. O soporte inclúe, ademais, un seguimento posterior dun mes, cunha intensidade de 25 horas de consultoría personalizada por beneficiario.

Os expertos ofrecerán asesoramento en diferentes ámbitos: financiamento, negocio, operacións e persoas. No primeiro caso, as empresas poderán replanificar as súas débedas comerciais, buscar financiamento, xestionar cobros e operacións comerciais ou planificar as obrigacións fiscais. Pola súa banda, as medidas para implantar no campo do negocio ofrecen a posibilidade de reconfigurar a oferta comercial, conseguir a promoción en rede ou mesmo reorientar o negocio.

A liña inclúe un terceiro ámbito de soporte, o de operacións, que axuda a implantar o teletraballo, prestar servizos en liña ou acometer unha reorganización operativa. Mediante as iniciativas relacionadas co campo das persoas será posible reter os equipos e motivalos, acometer unha planificación laboral ou fortalecer as competencias para o novo escenario económico.

Ademais, ofrécese asesoramento de carácter xeral, orientado ás empresas que necesiten definir unha combinación de medidas de varios tipos para minimizar o impacto da pandemia no seu negocio. Entre outros resultados, as compañías poden atopar novas fontes de ingresos, captar e fidelizar novos clientes ou manter os servizos en remoto.

Xunto co asesoramento do equipo técnico do Igape e os expertos dispoñibles, a liña achegará, de maneira periódica, ás empresas e os autónomos boletíns e vídeos informativos, seminarios web e respostas ás preguntas e dúbidas máis formuladas por eles.

Logo do Igape
Logo do Igape

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta