Novo foco de contaxio entre sanitarios na unidade de tratamento dos enfermos de Covid do Hospital de Verín

Hai contaxiados un médico e dúas sanitarias que deran falsos negativos.

Por Galicia Confidencial | Verín | 22/09/2020 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

As últimas probas diagnósticas por PCR realizadas, no último cribado, a persoal do hospital público de Verín tiraron preocupantes resultados, sobre todo na unidade verde, a destinada ao tratamento dos enfermos de COVID-19. Segundo publica DdT, desde este luns confirmáronse -até o momento- tres novos positivos, entre eles, o dun facultativo e dúas mulleres máis, tamén do persoal sanitario do centro

Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA
Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA | Fonte: UNIVERSIDADE DE VIGO - Arquivo

"Confírmase así un dos temores que expresaban algúns dos profesionais, despois de que se detectasen como positivos enfermos hospitalizados sen as medidas de illamento porque, inicialmente, os seus PCR resultara negativas", recolle o xornal verinés. O protocolo de hospitalización por calquera diagnóstico obriga á realización das probas diagnósticas a todo os novos ingresados.

Nos últimos días, a evolución de pacientes que inicialmente non padecían COVID porque a súa PCR fora negativa comezou a presentar sintomatoloxía compatible co virus, o que derivou na repetición das probas que, finalmente, concluíron que eses enfermos si portaban o coronavirus. O persoal que os atendeu até entón, ao non tratarse de ingresos illados, acudía a eses cuartos coas medidas oportunas pero non as indicadas para aqueles hospitalizados e positivos, circunstancia que se cre que puido xerar máis contaxiados. 

Desde o servizo de Urxencias do hospital de Verín está a recomendarse -de maneira privada, como así ocorreu ao familiar dun paciente que realizou unha chamada telefónica ao mesmo- que se extremen as precaucións e que non se acuda ao centro hospitalario verinés por consideralo un foco de notable contaxio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta