Feijóo advirte de que a situación epidemiolóxica en Madrid é responsabilidade compartida de Ayuso, Almeida e Sánchez

Cre que sería "unha irresponsabilidade histórica" que o Goberno pensase que a pandemia só é "un problema dos presidentes autonómicos".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/09/2020 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu este martes en que "a responsabilidade epidemiolóxica" de Madrid é "compartida" entre a Comunidade, o Concello madrileño e o Goberno central. É máis, advertiu que sería "unha irresponsabilidade histórica" que a Administración do Estado crese que a pandemia é só "un problema dos presidentes autonómicos".

Feijóo reúnese co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
Feijóo reúnese co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Xunta.

Tras manter un encontro institucional co alcalde da capital galega, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, o presidente galego incidiu na a importancia de que haxa cooperación entre as distintas administracións para enfrontar a loita contra a covid-19.

"Nós non temos, tivemos, nin imos ter ningún problema co alcalde de Santiago en relación á pandemia", sentenciou, antes de engadir que, "a nivel de España", si que se deron "algunhas tensións" do Goberno central con "algunhas comunidades".

Un día despois de que o seu homólogo estatal, Pedro Sánchez, reunísese coa presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, o tamén líder do PP galego insistiu nunha mensaxe que xa lanzou na pasada xornada: "O que crea que a pandemia obedece a cuestións competenciais e que hai administracións que non teñen responsabilidade na pandemia equivócase profundamente".

"E se a administración central do Estado considera que é un problema dos presidentes autonómicos, non só se equivoca, senón que sería dunha irresponsabilidade histórica", apostilou, antes de advertir que "España non vai recuperar o PIB que perde por milleiros se Madrid non funciona".

Non en balde, remarcou que "o motor de Madrid é fundamental" para a recuperación da economía e do emprego". Por iso, esgrimiu que "ningún primeiro ministro pode pensar que a capital do seu país é un problema da autoridade autonómica ou do gobernador federal, se é un Estado federal".

"Esa interpretación non ten cabida", recalcou, antes de engadir que, sobre todo, non se pode concibir cando esa capital ten "un aeroporto internacional con millóns de persoas que entran e saen", ou o núcleo de numerosas comunicacións viarias e ferroviarias.

"E coa mesma intensidade", engadiu, "no resto das cidades". A modo de "proba", aludiu á súa colaboración co alcalde de Santiago. "A min correspóndenme as decisións en materia de saúde pública e estamos a traballar sen ningún tipo de restrición, que é o lóxico e o que debería haber no resto", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Que Feixóo qué? Que Feixóo advirte? E logo el onde traballa? Nun observatorio? A crise sanitaria en Madrid, ou na Rioxa, ou en Murcia, é a consecuencia directa da polírica do PP de Mariano na ùltima década, e da de Esperanza Aguirre e sucesores, e da da mafia de Valencia, e da de Feixóo... O cinismo dos pepeiros non ten límites.