Temas: CARBALLO TEATRO

Cancelado o FIOT, pero Carballo non quedará sen teatro

A 29ª edición deste festival de teatro non se celebrará, pero a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo propoñen unha programación teatral especial entre os días 9 e 18 de outubro nomeada "FIOT en pausa".

Por X.M. Fernández | Carballo | 23/09/2020 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

O director do FIOT e da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, anunciou este 22 de setembro no Pazo de Cultura de Carballo que o FIOT non celebrará este outono a súa 29ª edición. O motivo da cancelación é, segundo Sueiro, "poder garantir o futuro e a viabilidade nos vindeiros anos dun festival necesario para fornecer o tecido cultural e escénico de Galicia como da propia entidade cultural que promove a cita”. No acto oficial desta comunicación pública participaron tamén o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, Alberto Sueiro.

Presentación 'FIOT en pausa'. Foto: Prensa FIOT
Presentación 'FIOT en pausa'. Foto: Prensa FIOT

Malia este parón obrigado polas circunstancias actuais, a asociación Telón e Aparte e o Concello de Carballo comprométense a ofrecer unha programación escénica no mes de outubro, entre os días 9 e 18, para manter a súa filosofía de aposta polo tecido cultural e apoio ás compañías e aos artistas, "nun momento no que é máis necesario que nunca apostar pola creación e proclamar que a cultura é segura", afirmou Alberto Sueiro.

FIOT EN PAUSA

Nace, pois, FIOT en pausa, unha programación escénica que incorpora “o selo de calidade do FIOT” e que achegará algúns dos traballos máis destacados e laureados da tempada escénica a Carballo. Pezas como Curva España, de Chévere (sábado 10), A lingua das bolboretas, recentemente estreada en Ourense (luns 12), Liberto, que opta a 7 galardóns nos Premios María Casares (sábado 17), ou Prostitución, que conta no seu reparto con Carmen Machi e Nathalie Poza (domingo 18), representaranse o vindeiro mes de outubro no Pazo de Cultura de Carballo. 

Tamén haberá propostas de formato non convencional como A xente 2.0, unha creación de María Vázquez e Víctor Duplá (venres 16), ou Live, unha performance dunha actriz galega que se agocha detrás da personaxe Emma Santos (sábado 10). Esta última, ao igual que Curva España, son exemplo dunha das apostas desta singular programación: a selección de dramaturxias que fusionan elementos presenciais e virtuais a través dun uso innovador da cultura dixital e a tecnoloxía.

E como novidade, a estrea absoluta dunha ficción sonora coproducida por FIOT e LIDISS (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sostible) na que a escenografía é unha selección da arte urbana que se atopa en Carballo. A lúa, válvula de spraycreación da artista multidisciplinar carballesa Rosalía Fernández Rial, será a primera das creacións do FIOT Fónico, un proxecto que nace con vocación de continuidade e que pretende explorar novos formatos e as posibilidades que ofrecen ferramentas tecnolóxicas innovadoras para achegar experiencias teatrais singulares na comarca.

Temas: CARBALLO TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Que non nos falle o teatro.