A Xunta insiste en reforzar a investigación fronte aos "delincuentes" detrás dos incendios de Ourense

O conselleiro de Medio Rural, moi molesto ante as acusacións de "man negra" detrás dos "escuros intereses que moven o PP" para "políticas de destrución do rural", segundo o BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2020 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O conselleiro do Medio Rural, José González, concretou este mércores no pleno da Cámara que "a última vaga de incendios" rexistrada en Ourense acumulou, entre os días 12 e 17 de setembro, un total de 67 lumes, dos que 22 empezaron pola noite, cando non podían actuar os medios aéreos. Unha ducia producíronse, ademais, en parroquias identificadas como de alta actividade incendiaria.

No debate de dúas preguntas acumuladas sobre incendios, formuladas por Xosé Luís Rivas (BNG) e José Antonio Armada (PPdeG), o conselleiro subliñou que estes datos poñen en evidencia a "intencionalidade" dos lumes.

"Falamos dunha cuestión de orde pública, de delitos incendiarios, de delincuentes que poñen en perigo vidas de persoas", esgrimiu, antes de subliñar que os lumes de Ourense, ademais, rexistraron en varias ocasións distintos focos simultáneos.

Nesta conxuntura, agradeceu o labor dos axentes que permitiron a detención de catro persoas no marco da vaga de incendios, "tres delas in situ". "E levamos máis de 50 este ano", apostilou, antes de trasladar aos incendiarios unha mensaxe: "Máis cedo que tarde responderán con penas de cárcere e pagarán co seu patrimonio os gastos de extinción".

Máis aló, apelou á concienciación cidadá e reiterou que hai un teléfono gratuíto e anónimo para denunciar. E remarcou que a Xunta aposta por reforzar a investigación, e fíxoo mediante medios tecnolóxicos. "Xunto cos axentes ambientais, puxemos drones, cámaras de videovigilancia e outros equipos que nos permiten potenciar a investigación e que dan bos resultados", esgrimiu.

"SOBADA CANTILENA"

Mentres que o deputado popular que interveu no debate secundou a visión do conselleiro, Xosé Luís Rivas (BNG) advertiu que, a pesar da "sobada cantilena" dos lumes intencionados e dos "terroristas" incendiarios, o "problema" dos incendios reside no "abandono" e as "culpables" son as políticas de "destrución do rural" do PPdeG.

"Levamos 12 anos perdidos con Feijóo no Goberno da Xunta que marcan o fomento do abandono das terras. E Ourense sempre está aí, co caciquismo as políticas do PP secular. O pobo de Ourense non é incendiario, o que hai é un berro de atención", dixo o parlamentario nacionalista.

Así mesmo, preguntouse "que escuros intereses moven ao PP para estas políticas de destrución do rural", convencido de que ten que haber "unha man negra".

CHAMADA AO CONSENSO

Molesto coa intervención do parlamentario nacionalista, o conselleiro subliñou a importancia de facer un diagnóstico "acertado" da situación e insistiu na intencionalidade, á vez que aplaudiu os labores dos equipos de extinción "en condicións extremas".

E chamou ao consenso e pediu axuda á oposición para seguir buscando "solucións estruturais". Como nova oportunidade para o diálogo, aludiu ao impulso da lei de posta en valor das terras agrarias.

José González, conselleiro do Medio Rural, intervén no pleno.. Xunta de Galicia
José González, conselleiro do Medio Rural, intervén no pleno.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

As terras en Galicia son maioritariamente privadas. Así que falar de " política" de abandono de terras, coma se fosen da Xunta, non ten sentido. E negar que os incendios non son provocados, e todo é culpa da Xunta, tampouco ten sentido. Nengunha suposta " política" sería quen de provocar incendios se non houbese incendiarios. O que pasa é o dogma dalgúns é negar a existencia dos pirómanos e decir que todo é culpa da política da Xunta. Coma se a Xunta se adicase a " exterrminar" o rural.