Os alcaldes socialistas esixen á Xunta datos da evolución da pandemia por concello

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, cre que sería de axuda para que puidesen adoptar medidas concretas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/09/2020 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reuniuse este xoves con alcaldes e alcaldesas socialistas na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e reclamou que a Xunta dea os datos da evolución da pandemia coa concreción de como está en cada concello.

Punto COVID habilitado na Coruña, para realizar as probas PCR
Punto COVID habilitado na Coruña, para realizar as probas PCR | Fonte: Concello da Coruña.

Esta información, dixo o alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela, sería de axuda para que os rexedores puidesen adoptar medidas concretas. Ademais, criticou que, como no caso do seu concello, descoñecese a evolución dos contaxios e dun día para outro "recibe" unha chamada cun anuncio de restricións para as que non se tivo en conta as achegas que se poidan facer desde o ámbito local.

Caballero sinalou que é "fundamental que todas as administracións dean o mellor de si mesmas para afrontar a crise, porque é tempo de "resolver os problemas" da cidadanía e "priorizar as políticas sociais, para as persoas e de estar ao carón da cidadanía que necesita apoio e respaldo".

Tras lamentar que "non se tomaron as medidas oportunas" no ámbito da sanidade e educación, Caballero reclamou que "se traballe ao carón dos concellos de Galicia, que son as administracións máis próximas". "O Goberno de Galicia ten que priorizar as persoas cando elabora políticas públicas e a Xunta ten que dar información detallada da evolución do virus e do número de contaxios", salientou.

Entre outras demandas, tamén volveron a reclamar fondos á Xunta para dotar aos concellos do orzamento necesario para facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da pandemia, como a limpeza dos centros escolares. Neste sentido, Caballero dixo que os 300 millóns de euros que se dispuxeron na primeira onda son "insuficientes".

Na reunión deste xoves estiveron citados os alcaldes de Vilagarcía, Betanzos, Carballiño, Trabada, Pedrafita, Vimianzo, Cariño, Castro Caldelas e Ponte Caldelas. Nestes dous últimos casos non puideron asistir por razóns persoais.

DATOS POR CONCELLOS

Na súa demanda dos datos, Gonzalo Caballero preguntouse "que pasaría se as comunidades non soubesen o número de contaxios" que hai no seu territorio. "Pois o mesmo os concellos", dixo o secretario xeral do PSdeG para pedir transparencia neste dato, antes de pedir que "nestes tempos de dificultades", a Xunta "se poña de lado dos concellos".

"Todos coincidimos no mesmo. Ten que cambiar a maneira de relacionarse cos concellos. Somos maiores de idade e temos que ser partícipes na toma de decisións", reclamou, na mesma liña, o rexedor de Vilagarcía, quen lamentou o ocorrido neste concello na que descoñecía a situación e "de súpeto chámante e dinte que hai que tomar medidas".

Neste sentido, afirmou que se os alcaldes dispoñen desa información "periodicamente", poden "traballar mellor para atallar canto antes a crise" sanitaria existente nese momento. "A transparencia", dixo, "nunca pode ser" unha cuestión "errada".

Alberto Varela tamén pediu que os concellos "sexan partícipes da toma de decisións naquelas cuestións xestionadas directamente cos concellos", como as normas de desinfección de parques infantís, a redución de aforamentos, etc.

Ademais, remarcou que "non é admisible" que a Xunta "reclame" fondos a instancias superiores e logo non haxa recursos transferidos aos concellos. "Os municipios non podemos pasar (a crise sanitaria) cos fondos que tiñamos ata agora", indicou, antes de concluír: "En situación extraordinaria, temos que ter fondos extraordinarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta