Sanidade asegura que a pandemia está "estabilizada" en Galicia e "moi lonxe de empeorar"

A directora xeral de Saúde Pública elude dicir o número de persoas dedicadas ao rastrexo, que define como un "equipo multidisciplinar".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/09/2020 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, defendeu que a situación epidemiolóxica en Galicia pola incidencia do coronavirus está "moi lonxe de empeorar de maneira exponencial" e expuxo que a situación se atopa "estabilizada". "Con tendencia á baixa desde agosto, a transmisión do virus está a reducirse", sinalou a preguntas da deputada do BNG María Montserrat Prado na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego.

Proba de PCR a colectivos especialmente expostos
Proba de PCR a colectivos especialmente expostos | Fonte: Concello de Abegondo.

En concreto, a súa resposta estivo vinculada á pregunta do BNG en relación ás medidas do Goberno galego ante a evolución da COVID-19 en Galicia e con reproches tamén por parte da deputada nacionalista á "falta de transparencia inadmisible" en relación á información que se facilita.

E é que a deputada situou a Galicia "á cabeza na opacidade" en relación cos datos da pandemia. Ademais, na súa intervención, lamentou "que a estratexia" para facer fronte á pandemia "non pase por reforzar a Sanidade pública".

Fronte as súas críticas, a directora xeral de Saúde Pública defendeu o traballo feito desde a Xunta, aludindo, entre outras cuestións, ao rastrexo; ás probas para detectar posibles positivos ou as actuacións vinculadas cos brotes.

"A 16 de setembro, no 78,8% dos casos non se sabe a orixe", dixo a deputada nacionalista en referencia a un informe do Instituto de Salud Carlos III e incidindo en que se trata dunha porcentaxe por enriba da media estatal.

A directora xeral de Saúde Pública replicou que a taxa de incidencia por cada cen mil habitantes en Galicia está "por baixo" da media española, facendo referencia, para iso, ao mesmo estudo. Tamén apelou ao "esforzo no control de brotes".

"Está a dar os seus froitos", sentenciou despois de que a deputada nacionalista requirise apostar por estudos de monitorización das augas residuais para detectar "carga viral" e aplicar medidas en base a eles. "Estamos a actuar en base a probas máis sólidas", expuxo Carmen Durán.

RASTREADORES

Na comisión, tamén se centrou o debate na figura dos 'rastreadores'. En particular, a deputada nacionalista requiriu á directora xeral de Saúde Pública que especificase o seu número e como traballan.

Carmen Durán dixo que responde "a un modelo flexible, baseado na xestión por procesos e integrado por equipos multidisciplinares". "Os profesionais de medicina preventiva e saúde laboral das distintas áreas sanitarias identifican casos e contactos en hospitais e profesionais do Sergas", citou como parte deles.

A estes, sumou "o servizo de vixilancia epidemiolóxica, nos que se integraron traballadores sociais, fundamentais na educación e residencias", dixo sobre os posibles casos nestes centros.

Durán engadiu a este colectivo o persoal de Atención Primaria, "que realiza o seguimento dos contaxiados nos seus domicilios" e a "central de seguimento de contactos", "integrado por profesionais perfectamente formados e que, ademais, dispoñen de protocolos, de procedementos elaborados desde Saude Pública".

Antes, con todo, Montserrat Prado recriminoulle que a única información da que dispoñen "é que se contratou un call center e sabemos que unha persoa que está á fronte desta empresa ten relación directa co presidente da Xunta".

"Cantos temos na nave de Bergondo xa que di que é un bo complemento para os rastreadores", expuxo ao secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fontes, sobre os teleoperadores encargados de xestionar as chamadas sobre o coronavirus, o socialista Julio Torrado nunha pregunta cuestionando que non se implantase antes a App Radar Covid.

"É difícil facer un control a este goberno", dixo recriminado que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, manifestase que non podía responder á pregunta formulada polo PSdeG sobre o número exacto de rastreadores cos que conta Galicia, posto que para iso tería que saber "o que vostede --en referencia a Julio Torrado-- considera" como rastreador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta