Un sistema innovador para anticiparse ás inundacións por desbordamentos do Miño

Científicos galegos veñen de presentar un sistema de alerta que permite prever practicamente en tempo real a posibilidade de inundacións na ribeira do río e os riscos asociados.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/09/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

MIDAS (Miño RIver FlooD Alert System) é un sistema de alerta temperá ante inundacións que parte de datos de choiva proporcionados por MeteoGalicia para prognosticar para os días seguintes a posibilidade de desbordamentos do río Miño e os riscos asociados a estes. Para a súa validación, foi utilizado para reproducir os datos de caudal medidos nas cidades de Lugo e Ourense desde 2012 ata a actualidade.

Río Miño preto de Salvaterra
Río Miño preto de Salvaterra | Fonte: © Miguel Núñez.

Analizáronse case 3.000 casos, dos cales o sistema foi capaz de reproducir a situación real recollida no rexistro histórico en máis do 99% dos casos, mostrando ademais unha elevada capacidade para reproducir aqueles episodios de caudal extremo.

O modelo, baseado en modelos hidrolóxicos e hidráulicos integrados, foi capaz de identificar a maior parte dos estados de alerta asociados a grandes crecidas de caudal acaecidos durante ese período. De feito, MIDAS puido predicir 13 das 17 alertas que ocorreron durante o período de estudo.

O sistema dota á conca do Miño-Sil dunha ferramenta líder a nivel español e europeo para a análise detallada de fenómenos de inundación, tanto da área asolagada como do seu risco potencial.

Segundo os seus autores, trátase dunha ferramenta “particularmente útil para Galicia, onde se agarda que a intensidade das choivas extremas aumente nas próximas décadas debido ao cambio climático, o que provocará episodios de inundacións perigosas”, o cal fai “aínda máis necesario o desenvolvemento de sistemas capaces de predicir con precisión e por adiantado os eventos de inundación”.

O método, subliñan, “ofrece numerosas vantaxes, incluída a facilidade de aplicación noutras áreas”. De feito, aínda que se está a aplicar ao Miño, “a súa implementación noutras concas é sinxela” e é “especialmente valioso para áreas con baixos recursos de mostraxe, mostrando o seu potencial en aplicacións futuras”, explican.

A información en tempo real que ofrece MIDAS non só é útil para predicir posibles inundacións; este modelo “permite obter unha mellor representación e un coñecemento en profundidade do impacto dos desbordamentos dos ríos” que “pode axudar aos responsables da toma de decisións a aplicar as medidas adecuadas para mitigar o dano”, salientan.

O modelo vén de ser presentado por membros do Laboratorio de Física Ambiental (EPHYSLAB) da Universidade de Vigo, a empresa pública Tragsatec –do Grupo Tragsa– e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que asinan un artigo na revista científca Water cos resultados das súas probas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sen dúbida Tragsatec fará un traballo espléndido grazas a MIDAS : o rei que todo canto tocaba convertíase en OURO ! https://www.tragsa.es/es/comunicaci... O Ingreso Mínimo Vital non debe dar moitos cartos ao Sistema (?) Seguimos a ter un tuit para Feijoo https://twitter.com/00Gamela/status... Pero non temos carteiras nin carteiros que llo queiran facer chegar á Toxa !