Pontevedra pecha outra rúa para que o alumnado dun colexio a use como patio de recreo

A medida activarase unha vez que se complete o trámite administrativo necesario, mediante o que a Consellería de Educación cursa solicitude ao Concello para dispor dese espazo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2020 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

O concelleiro de Obras Urbanas de Pontevedra, Demetrio Gómez, anunciou este venres que o Concello da cidade do Lérez pechará ao tráfico a rúa Alfonso XIII durante o horario de recreo do Colexio Froebel, co obxecto de ofrecer ao alumnado un espazo para poder saír durante o descanso das aulas.

Este edil, que mantivo este venres unha reunión coa dirección do centro educativo, sinalou que nos centros educativos están a tomarse "medidas realmente moi radicais" que afectan á educación, ao traballo dos docentes e tamén ao desenvolvemento dos menores, "porque nalgúns casos está a haber limitacións moi graves para os xogos dos nenos e das nenas".

Neste último caso situou ao colexio Froebel, onde o alumnado debe permanecer durante cinco horas dentro da aula por carecer dun patio ao que saír.

Esta solución para utilizar a rúa como patio sería similar, segundo explicou Demetrio Gómez, á adoptada co colexio de Barcelos e a medida activarase unha vez que se complete o trámite administrativo necesario, mediante o que a Consellería de Educación cursa solicitude ao Concello para dispor dese espazo.

O peche de Alfonso XIII ao tráfico realizaríase durante o tres cuartos de hora do recreo, entre as 11,30 e as 12,15 horas, e o resto da xornada tan só quedará pechado o tramo máis próximo á praza de Concepción Arenal.

A entrada e saída de residentes quedaría habilitada pola rúa Echegaray, para o que será preciso eliminar a zona de aparcadoiro de servizos e habilitar o dobre sentido de circulación.

OUTROS PECHES

En rolda de prensa, Demetrio Gómez aproveitou para valorar as primeiras xornadas tras o peche ao tráfico da avenida da Reina Vitoria Eugenia entre a entrada ao estacionamento de Montero Ríos e a rúa Pelamios, co obxecto de facilitarlle ao centro de ensino IES Sánchez Cantón o cumprimento do protocolo Covid na entrada e saída e nas horas de descanso.

O edil asegurou que "a medida funciona correctamente, non está a dar ningún problema e non hai retencións". En canto ao funcionamento das rúas lindeiras anunciou que, a petición da veciñanza, cambiarase o sentido do tramo da rúa Palamios que sae cara á rúa Rosalía de Castro.

Mesas e cadeiras recollidas - Europa Press - Arquivo
Mesas e cadeiras recollidas - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta