Sanidade nega neglixencia e avala o protocolo da empresa avícola de Cambados con 52 positivos en Covid-19

Avigal e as autoridades acordaron parar a planta dous días para desinfectar.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2020 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

Avícola de Galicia (Avigal), a empresa de Cambados na que se detectou un gromo de COVID-19 que afecta a 52 traballadores --os casos elévanse a 96 co resto de positivos relacionados--, acordou coa Consellería de Sanidade parar a planta durante 48 horas para "intensificar a desinfección" das instalacións.

Unha traballadora sanitaria sostén unha probeta cunha proba PCR
Unha traballadora sanitaria sostén unha probeta cunha proba PCR | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press.

A través dun comunicado, a compañía sinala que se trata dunha decisión adoptada tras reunirse coa Administración galega e que busca "poder intensificar as tarefas de desinfección en todos os espazos internos e externos" durante este fin de semana.

Avigal roga a todos os profesionais da planta afectados polo gromo "que fagan unha corentena estrita ata que non teñan a alta médica". Ademais, destaca a "estreita colaboración" mantida tanto coa Consellería de Sanidade como co Concello de Cambados.

A empresa xa comunicou esta semana que mantiña a súa actividade, aínda que coa produción reducida ao 40 por cento. Así, xustificaron que optaran por "rebaixar a operativa da planta dunha forma drástica, aínda que iso carrexe perdas durante estas semanas, para poder garantir a distancia social entre os traballadores e que esta situación se solucione canto antes".

Na actualidade na factoría avícola de Cambados traballaban 160 empregados. "Neste momento, en cada un das dúas quendas temos só 30", confirmaron por parte da empresa avícola.

SANIDADE NEGA NEGLIXENCIA

A área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés avala o protocolo activado por Avigal e rexeita a denuncia do sindicato CIG sobre unha posible "neglixencia" da Xunta.

Segundo informa a área sanitaria, o protocolo preventivo activado pola Consellería de Sanidade mantén en corentena un total de 75 traballadores da compañía "desde o comezo do gromo", así como a unha vintena de contactos, que "evolucionan nos seus domicilios".

O operativo que mantén a área sanitaria, tal e como destaca, inclúe un "reforzo" dos cribados preventivos realizados na contorna dos casos positivos para unha "procura activa" de máis posibles contagios.

96 CASOS

A firma admite que os tests realizados ao seu persoal saldáronse con 52 os traballadores con positivo por COVID-19. No entanto, as autoridades sanitarias elevan o gromo a 96 casos tras a realización de 173 probas. Un portavoz de Avigal considera que "ese incremento se debeu a unha cadea de transmisión externa, a contactos de familias e amigos".

O principal obxectivo neste momento, engade a empresa, é "romper calquera posible cadea de transmisión entre os profesionais da planta", polo que xustifica a redución da súa actividade nun 60% para "poder incrementar o distanciamento social dentro da planta que ten no municipio" de Cambados, que, incide, "estaba en funcionamento desde o día 17 de agosto e, xa entón, fixéronse tests masivos a todo o persoal".

Este venres, Avigal e a Consellería de Sanidade acordaron parar a produción na planta durante a fin de semana para "intensificar" a desinfección.

Por outra banda, Avigal destacou que a operativa na planta que Avícola de Galicia ten en Campañó, en Pontevedra, "é de total normalidade" e, actualmente, subliña, "non se detectou ningún gromo de COVID-19" nela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta