Unha campaña e unha plataforma de reservas relanzan o enoturismo como experiencia "segura e chea de emocións"

O Consello Regulador do Ribeiro pon en marcha a campaña 'Reencontros cos cinco sentidos'.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/09/2020 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

Relanzar e apostar polas Rutas do Viño como elemento diferenciador e desestacionalizador do turismo en Galicia e como experiencia "segura, distinta e chea de emocións" de face a este outono son algunhas das claves coas que nace a campaña 'Reencontros cos cinco sentidos' que, acompañada dunha plataforma de comercialización, fomentará o enoturismo como elemento de valor na comunidade.

Presentación da campaña de enoturismo en Galicia
Presentación da campaña de enoturismo en Galicia | Fonte: Xoán Crespo.

Así o dixo este luns o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Casares, en representación das rutas galegas dos viños, no acto de presentación desta nova campaña e esta plataforma en liña de reservas, o "proxecto máis ambicioso dos que se desenvolveron en materia de enoturismo en Galicia".

A iniciativa, apuntou, promociona o sector do viño desde o ámbito turístico como "un mundo de posibilidades e sensacións" e, en consonancia coa situación actual, promove unha experiencia "segura, distinta, tranquila e chea de emocións", que se pode vivir "cos cinco sentidos".

Na mesma liña, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a "riqueza única" que supón para Galicia o sector vitivinícola, como "elemento vertebrador do territorio", de "fixación da poboación" e de creación de riqueza. Desde o punto de vista turístico, explicou, trátase dunha actividade "desestacionalizadora", xa que é no outono cando se dan "os mellores momentos para descubrir as paisaxes de Galicia" vinculados ao viño.

Ademais dunha campaña promocional, a Xunta, en colaboración coas Rutas do Viño, avanza na comercialización do enoturismo a través dunha plataforma que permite reservar e planificar experiencias neste ámbito, eliminando o uso de papel e facendo todo o proceso "sinxelo e seguro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta