A Xunta amplía o reforzo educativo con 400 novos profesores

Desde o goberno galego sinalan que o número total de novos profesores neste curso en Galicia sobre os inicialmente previstos "ascende a preto de 2.300".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2020 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade reforzará con outros 410 docentes (que se engaden aos 543 xa previstos antes do inicio de curso) o reforzo educativo nas aulas galegas, "co obxectivo de que ningún alumno quede atrás" durante este curso escolar.

Así llo trasladou este luns o conselleiro, Román Rodríguez, aos representantes das anpas, nunha reunión por videoconferencia coa Confederación Anpas Galegas, Confapa e Congapa, con quen abordou o inicio de curso.

En concreto, segundo explicou a Xunta, os profesores contratados ao amparo do Programa ARCO farán un seguimento específico de alumnos máis vulnerables e tamén reforzarán as competencias básicas (lingüística, matemática e científica tecnolóxica, principalmente). Ademais, poderán reforzar a atención das necesidades académicas nos supostos de que haxa aulas ou grupos de alumnos que se poidan ver afectados por corentenas parciais.

Con iso, destacou a Xunta, o número total de novos profesores neste curso en Galicia sobre os inicialmente previstos "ascende a preto de 2.300" (algo máis de 1.300 para atender a desdobres e incremento de oferta e case 1.000 de reforzo).

Román Rodríguez explicou aos representantes das anpas que o obxectivo prioritario do Executivo autonómico é manter o curso escolar "dentro da máxima normalidade posible neste contexto", e garantiu que a Xunta "non vai escatimar recursos para preservar a calidade do sistema educativo galego".

Aula, colexio, foto de arquivo. EUROPA PRESS
Aula, colexio, foto de arquivo. EUROPA PRESS | Fonte: MARÍA JOSÉ LÓPEZ - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta