Os partidos, dispostos a garantir a actividade parlamentaria en caso de gromo de Covid-19

Os servizos xurídicos da Cámara elaboraron un informe no que se propón unha reforma do regulamento.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/09/2020 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

Os tres grupos políticos con representación na Cámara galega móstranse favorables a articular unha fórmula para garantir a actividade parlamentaria no caso de que se produza un gromo de Covid-19 que poida, eventualmente, impedir o desenvolvemento do lexislativo. Pero teñen matices sobre a fórmula para establecer estas garantías, cuestión que será abordada na reunión da xunta de portavoces deste martes.

Parlamento de Galicia o 7 de agosto de 2020
Parlamento de Galicia o 7 de agosto de 2020 | Fonte: Europa Press

Os servizos xurídicos da Cámara elaboraron un informe no que se propón unha reforma do regulamento e incluír a posibilidade da asistencia telemática e voto delegado para os deputados da Cámara que "non puidesen asistir ás sesións de forma xustificadas por atoparse nunha situación epidemiolóxica que lle imposibilite a presenza física na sesión correspondente".

Respecto diso, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, mostrouse "de acordo" co borrador de proposta, no que se recollen antecedentes doutras cámaras. "Basicamente parécenos correcto, fixemos algunha consideración de estilo, pero parécenos adecuada e estamos en disposición, se os demais grupos están de acordo, en concertar unha aprobación rápida", manifestou, ao ser preguntado por esta cuestión, en rolda de prensa.

Puy indicou que se trata de buscar unha maneira de garantir a actividade para o caso de que non se poida asistir ás sesións plenarias ou mesmo o funcionamento do Parlamento se vexa comprometido polas ausencias. "Veremos que din os demais grupos, porque hoxe non hai ese problema, pero pode xurdir en cinco ou seis días", evidenciou Puy, quen manifestou a necesidade de garantir que os traballos da Cámara "non se paralicen".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, non quixo adiantar a postura dos nacionalistas a falta a reunión do seu grupo e de comunicala este martes na xunta de portavoces. Con todo, si adiantou a vontade de "ser capaces de chegar a un acordo", pero expresou os seus matices con "comprometer para o futuro" as normas parlamentarias.

Neste sentido, mostrouse partidaria de que a solución que se dea quede "acoutada ao momento da pandemia a nivel internacional", fronte á posibilidade de "abrir as portas, se cadra, (a cousas) que non son desexadas".

Pontón lembrou que en época de confinamento adoptáronse decisións dentro do marco regulamentario actual para reactivar as funcións, en parte, do Parlamento, sen recorrer a unha reforma da normativa. Así, incidiu en que reformar o regulamento "queda para sempre", mostrando así os seus matices coa posibilidade de 'tocar' directamente a 'lei' que regula a actividade parlamentaria.

Sobre esta cuestión, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, indicou que os socialistas tamén están a estudar a proposta e expresou a "vontade de colaborar" do seu grupo, así como de "atopar" unha fórmula que dea garantías para desenvolver a actividade nun escenario de pandemia.

"A vontade é a mesma que a da Presidencia do Parlamento e a nosa vontade é conseguir ese acordo", manifestou, pero matizou tamén que se estudará a proposta e dixo que "máis aló das palabras concretas", entende que "non vai ser ningún obstáculo por parte de ningún grupo parlamentario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta