A CIG carga contra UGT por asinar un convenio "regresivo" na seguridade privada: "xa non teñen credibilidade"

O acordo implicaría a "absorción" de complementos salarias para "deixar sen efecto" a suba do SMI, segundo o sindicato.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2020 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

Críticas ó novo convenio laboral de seguridade privada. A CIG vén de cargar contra o acordo marcado para o prazo dun ano a nivel estatal ao entender que resulta "regresivo" para o sector. Segundo destacan nun comunicado público, o acordo asinado por UGT e USO da man da patronal "deixa sen efecto o incremento do Salario Mínimo Interprofesional".

Concentración da CIG en Vigo. CIG
Concentración da CIG en Vigo. CIG

Esta circunstancia daríase porque, segundo destaca o sindicato, o texto "establece a absorción de complementos salariais", un recurso que iría orientado a "compensar" o incremento do SMI. De xeito paralelo, a CIG destaca que, en contrapartida, o acordo asinado fixa unha suba de soldos "de só un 1%".

Dende o sindicato subliñan que o acordo entre patronal, UGT e USO foi desenvolto "unicamente" despois de cinco xuntanzas. Ante esta circunstancias, a formación fala directamente “dunha vendida máis" nun sector que se atopa "cada vez máis precarizado”. De xeito concreto, cargan contra a absorción dos complementos salariais: "o salario base ten que ser igual ao SMI".

Neste aspecto, o sindicato centra as súas críticas en que o acordo "non se adapta á realidade do sector". En particular, afean que este non "ten en conta a actual carga de traballo, a funcionalidade e a adaptabilidade á que se ven obrigados os traballadores", de xeito que estes "non son compensados pola enorme capacidade de sacrificio que esixe o sector".

"NON ENGANAN A NINGUÉN"

Ante esta circusntancia, a formación sindical galega xa anunciou que "non asinará" o preacordo, unha negativa á que se suma a central vasca ELA. Segundo informan as mesmas fontes, Comisións Obreiras vén de manifestar que "someterá a decisión aos seus órganos de dirección". A CIG lembra que, nas dúas últimas décadas, o sector perdeu "arredor do 20% de poder adquisitivo".  “Agora imos volver pagalo os mesmos, por iso estas organizacións xa non enganan a ninguén, xa non teñen credibilidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta