A Xunta ten endebedado o 20% do PIB do país, 1,3 puntos máis que hai un ano

No conxunto do Estado acadouse un máximo histórico de 1.290.657 millóns de euros de débeda, o 110% do PIB. A economía galega é "das menos afectadas" pola covid-19, aínda "estando moi afectada", segundo o Foro Económico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2020 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

A débeda pública galega alcanzou os 11.971 millóns de euros no segundo trimestre do ano, especialmente, pola crise da Covid, o que supón un 19,6% do produto interior bruto (PIB) da comunidade, cociente 1,3 puntos superior á do mesmo período de 2019, segundo os datos que publica este mércores o Banco de España.

Mentres, a débeda das empresas públicas non incluídas no sector administracións públicas situouse en 7 millóns de euros, fronte aos 8 en que estaba ao peche do segundo trimestre do ano pasado.

Pola súa banda, a Consellería de Facenda di que os datos do Banco de España "ratifican que Galicia é a comunidade autónoma que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2008", cando estaba en 3.954 millóns de euros.

DATOS ESTATAIS

En canto ao conxunto das administracións públicas, a débeda subiu no segundo trimestre ata o máximo histórico de 1.290.657 millóns de euros, alcanzando o 110% do PIB, polo que aumentou en termos absolutos un 5,4% respecto ao trimestre anterior, como consecuencia da crise da covid-19.

Débeda pública de Galicia en comparación co conxunto das comunidades. EPDATA
Débeda pública de Galicia en comparación co conxunto das comunidades. EPDATA | Fonte: Europa Press

A ECONOMÍA GALEGA "A MENOS AFECTADA"

A economía galega é "das menos afectadas este ano" pola crise da covid-19, aínda "estando moi afectada", debido á súa estrutura e un "mellor" comportamento das exportacións, entre outros motivos aos que fixo referencia o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago. En rolda de prensa, Lago destacou que a comunidade galega está mellor que a media en canto aos efectos da pandemia sanitaria e tamén de "a pandemia económica".

Como motivos, apuntou ao feito de que o sector alimentario "pesa máis", a que as exportacións evolucionan desde marzo "mellor" que no mesmo período de 2019, a que a automoción está tamén "exportando máis" e a un enfoque turístico "diferente", a pesar de que o téxtil "non está a acompañar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta