Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2020 | Actualizada ás 21:35
Crece a presión sobre a Real Academia para que se clarifique o curso das Letras Galegas deste ano. A federación de asociacións culturais Galiza Cultura vén de publicar un comunicado no que insta á Academia a pronunciarse sobre unha cuestión que, a poucos meses de que remate o ano, segue sen aclarar: repetirá Carvalho Calero como Letras Galegas de 2021?
A chegada da covid impuxo un parón total á cultura que ameaza con malograr o labor de divulgación e recoñecemento que caracterizan á celebración das Letras Galegas. Esta circunstancia foi recoñecida pola propia Academia cando, no pasado mes de abril, se declaraba "consciente dos tempos de incerteza que corren".
A institución presidida por Víctor Freixanos puntualizaba entón que permanecería "atenta" á evolución da pandemia e que, en función desta evolución, non descartaban "outras posibles opcións, sempre na liña de render a homenaxe debida". A denuncia de Galiza Cultura, pois, é que, case medio ano despois dese comunicado, a Academia segue sen desvelar se Carvalho Calero continuará ou non como homenaxeado da máxima distinción da lingua e cultura galega.
"MERECE DISPOR DOUTRO TEMPO"
Segundo destacan en Galiza Cultura, o comunciado da RAG apuntaba tamén que os "actos presenciais previstos para a primavera" serían trasladados ó derradeiro cuatrimestre do ano. Aínda que a Academia si leva impulsado diversas xornadas na honra de Carvalho, a homaxe segue a resultar sensiblemente máis reducida que en anos pasados, máxime debido ás restriccións sanitarias que dende este verán veñen sendo aplicadas en Galicia.
Ante estas circunstancias, a federación de asociacións culturais pide á Academia que manteña a celebración na honra de Carvalho Calero para o ano que vén, xa que "merece dispor doutro tempo e doutras posibilidades". O obxectivo, pois, sería que o recoñecemento de 2021 tivera lugar en "condicións semellantes ás doutros anos", o que aínda está por ver.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.